HomePontevedraPoioAs "Andainas de Outono" de Mocidade comezarán este domingo cunha excursión a...

As “Andainas de Outono” de Mocidade comezarán este domingo cunha excursión a Pazos de Borbén

- Anuncio -spot_img

• A concelleira socialista Rosa Fernández lembra que a actividade é gratuíta, sendo tan só necesario achegar unha fianza de 10 euros que será devolta no momento da saída

• A edil responsable da área informa de que o programa incluirá tamén excursións por zonas e paraxes do noso municipio

Logo do éxito acadado hai uns meses coas ‘Andainas de Primavera’, que contaron con máis de 150 persoas inscritas, a Concellería de Mocidade está a piques de estrear as ‘Andainas de Outono’, que darán comezo este domingo, 2 de outubro, cunha saída guiada á Senda do Barragán, no municipio de Pazos de Borbén. A concelleira responsable da área, a socialista Rosa Fernández, lembra que esta excursión tivera que ser adiada na parte final da anterior programación por mor das inclemencias meteorolóxicas.

A iniciativa mantén o espírito da estreada antes do verán. Deste xeito, as inscricións seguirán sendo gratuítas e se poden realizar na Casa Rosada ou chamando ao 986872401.

Tan só será preciso depositar previamente unha fianza de 10 euros, que será devolta ás persoas anotadas no momento da saída. A visita deste domingo iniciarase ás 9.30 horas, con retorno á hora de xantar. Ao tratarse dunha senda de dificultade media, recoméndase que só se anoten persoas sen problemas de mobilidade.

Unha das novidades que se introducen nas ‘Andainas de Outono’ é que se apostará pola posta en valor do propio municipio. É por iso polo que xa están programadas tamén excursións guiadas por paraxes de Poio, como poden ser as sendas litorais do Laño ou a de Lourido. “Son espazos que paga a pena visitar e gozar e dos que, grazas aos nosos guías, tamén poderemos aprender e familiarizarnos con datos e peculiaridades que quizais a xente descoñeza”, sinala Rosa Fernández, que tamén sinala como obxectivo o feito de impulsar hábitos saudables entre a veciñanza.

Publicacións Relacionadas