Mañá xoves día 25 e o venres día 26 de setembro, este último festivo local, Baiona celebra a tradicional Romaría de San Cosme e San Damián 2025, máis coñecida popularmente pola Festa do mel e as noces.
Este ano contarase cun total de 15 postos de venda dedicados a produtos característicos do outono e do campo como o mel, as castañas e as noces, os tradicionais postos de venda de velas para ofrecer aos devanditos santos, que estarán situados na Praza de Santa Liberata.
Ademais, a romaría contará con oficios tradicionais como a cestería e os “zoqueiros”, e cunha ampla gama de produtos derivados do mel e de cosmética natural. Tampouco faltarán os postos de rosquillas, pan, churros, polbo e churrasco.
Pola súa banda, na rua Marqués de Quintanar, situaranse 45 postos de venda de artesanía, antigüidades, bixutería, libros, coiro e manualidades e para amenizar a romaría contaremos co pasacalles e posterior actuación dos Terribles de Doas de Gondomar, que actuarán na praza de Santa Liberata o xoves 25.
O venres 26, festivo local, terá lugar a tradicional procesión na honra a San Cosme e a San Damián, que terá lugar ás 11:00h e que percorrerá as principais rúas da vila e posteriormente, ás 12:00h. celebrarase a Misa Solemne na Igrexa Parroquial Santa María de Baiona.
Este mesmo día contaremos coas actuacións e pasacalles do grupo de gaitas “Os Trebellos” de Baíña, e a xornada finalizará coa actuación do grupo Ritmo ás 21:00h. na praza de Santa Liberata.




