Militantes do BNG recolleron esta mañá na Feira sinaturas para que a Xunta implante medidas para revitalizar e fortalecer os mecanismos sanitarios de atención primaria.
Xa antes da pandemia, o sistema sanitario galego viña arrastrando unha serie de debilidades que non fixeron máis que agravarse durante esta: a falta de accesibilidade, as longas listas de agarda dun sistema saturado ou a indubidábel fatiga do persoal.
Ante a falta de resposta por parte do goberno do Partido Popular, que desde 2009 goberna co único obxectivo de deteriorar e recortar na atención primaria para beneficio da sanidade privada, SOS Sanidade Pública impulsou unha iniciativa lexislativa popular, que busca obrigar ao goberno do PP a tomar unha serie de medidas para mellorar a Atención Primaria en Galiza.
Dentro destas medidas que recolle a ILP podemos destacar as seguintes:
A atención presencial será a norma, non a excepción. A atención telefónica será a cargo de persoal facultativo, non por máquinas.
Adecuar os cadro de persoal ás necesidades da poboación para garantir unha atención primaria de calidade.
Incorporar aos cadro de persoal dos centros de saúde novas categorías como psicoloxía, logopedia, atención temperá, podoloxía, etc.
Garantir a estabilidade laboral e unha condicións de traballo adecuadas ao persoal dos centros de saúde. Acabar coa precariedade.
Garantirase que o tempo de agardar para recibir atención nos centros de saúde non superará as 48 horas para consultas normais e 24 para as urxentes.
Debate da moción da AG-59
Por outra parte, desde o BNG da Estrada informamos que este venres 30 de setembro, a comisión de infraestruturas do Parlamento Galego debaterá a moción do BNG que pide a retirada do proxecto de ampliación da AG-59, desde a Ramallosa (Teo) ao Rollo, Santa Cristina de Vea. A iniciativa do BNG, que defenderá a deputada Montse Prado, pide ademais a elaboración dunha alternativa ao actual proxecto aprobado pola Xunta de Galiza.




