Máis de 60 maiores de 50 anos participaron nos seminarios teóricos e prácticos deste programa de democratización do saber da Universidade de Vigo
Éxito rotundo das Mareas de Coñecemento no Rosal. Máis de 60 rosaleiros e rosaleiras participaron de forma moi activa na segunda edición deste programa da Universidade de Vigo que busca democratizar o acceso ao saber entre as persoas maiores de 50 anos, tres seminarios impartidos ao longo do mes de maio nos que se tratou de forma teórico e práctica temas como a saúde, o benestar, a historia e o patrimonio cultural local.
O proxecto, desenvolvido coa colaboración do Concello do Rosal, tiña como obxectivo principal enfrontar os retos derivados do envellecemento poboacional, promovendo o coñecemento científico e cultural entre as persoas maiores. Como destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, esta iniciativa “demostrou ser unha grande oportunidade para as nosas e nosos maiores, que están interesados en seguir aprendendo e conectando coa nosa cultura e historia. É un orgullo contar con esta alta participación e o grande interese amosado pola nosa veciñanza, que reafirma a necesidade de seguir apoiando este tipo de programas”.
Nesta segunda edición, o primeiro seminario estivo centrado no ‘Pilates sénior’, unha introdución aos exercicios terapéuticos impartido polos profesores da Facultade de Fisioterapia da Universidade de Vigo Iris Machado e Gustavo Rodríguez. Unha actividade que permitiu ás e aos participantes aprender e practicar exercicios axeitados á súa idade, fomentando un estilo de vida activo e saudable.
A segunda actividade, ‘Saúde e Benestar’, incluíu sesións sobre nutrición, exercicio e unha ruta cardio-saudable. Dirixido polo profesor José Luis García Soidán da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, xunto con Antonio Vázquez Sobrino, esta sesión foi moi ben recibida polos participantes que puideron aprender hábitos alimenticios e de exercicio saudables.
O último seminario, enfocado na ‘Historia e patrimonio cultural do Rosal’, ofrecía unha ollada profunda á arquitectura, arte e historia local. Elisa Pereira, profesora do Programa Universitario de Maiores, guiou aos participantes nun percorrido cultural que destacou a riqueza do patrimonio rosaleiro.
Con esta exitosa segunda edición, O Rosal confirma o seu compromiso coa educación continuada e o enriquecemento cultural da veciñanza a todas as idades.




