• “Votaron en contra de propostas dos veciños e das que eles mesmos fixeron, contra as axudas á hostalería, contra unha Residencia e un Centro de Día en Carballedo, etc. É incríble” .
O Pleno da Corporación Municipal de Cerdedo-Cotobade aprobou os orzamentos municipais para o ano 2021, grazas ao apoio en solitario do Grupo Popular pese a que as contas municipais acadan os 4.068.110 euros dos cales o 35% vai destinado a Servizos Sociais duplicando deste xeito a cantidade que se tiña asignada o ano pasado a este mesmo apartado. O investimento medio por veciño aprobado polos populares sitúase en torno aos 900 euros, cantidade moi superior á de moitos outros concellos similares de Galicia.
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, manifestou á saída do Pleno que lle parecía “incríble” que os concelleiros do PSdeG-PSOE e do BNG votaran en contra das contas municipais “feitas en base ás propostas dos veciños e que tamén recollían algunha realizada por los grupos da oposición. Non é entendible que votaran en contra das axudas á hostalería, da construción dunha Residencia e un Centro de Día en Carballedo e de moitos investimentos de interese estratéxico para o futuro do noso concello”.
Cubela non acaba de saír do seu asombro ao comprobar como a oposición rexeitou uns orzamentos que contemplan un investimento récord en Servizos Sociais pasando dos 724.026 euros do ano 2020 a prácticamente o dobre, con 1.429.938,71 euros para este ano, ocupando esta partida máis do 35% do total das contas arroxando un investimento de 250,99 euros por habitante o que supón acadar a “excelencia” en Servizos Sociais, segundo os parámetros dunha entidade independente e prestixiosa como a Asociación de Directores e Xerentes desta materia.
NÉGANSE A APOIAR A ASOCIACIÓNS E COLECTIVOS VECIÑAIS E CULTURAIS
Tampouco vé comprensible o voto en contra do PSdeG-PSOE e do BNG a estes orzamentos que ontemplan capítulos de especial relevancia como o apoio a asociacións e colectivos veciñais e culturais do municipio para os que se inclúen subvencións nominativas á Asociación Astronómica Sirio, ANPA de Carballedo, ANPA de Tenorio, ANPA de Cerdedo, Fundación Amigos de Galicia, Os Trazantes de Tenorio, Banda Música Tenorio, Asociación Cultural Foula, Afoutes do Canón de Pau, ás Pandereterias de Quireza, Os Abrentes de Cerdedo e á Asociación Cultural Terra de Montes.
TAMPOUCO RESPALDAN A CONSTRUCIÓN DUNHA RESIDENCIA DA TERCEIRA IDADE E
CENTRO DE DÍA EN CARBALLEDO
O voto en contra tamén leva aparellado o rexeitamento á partida adicada a investimentos para o cal o equipo de goberno ten reservado un importe inicial de 756.766,86 euros, que supón o 18,60 % do Orzamento e que permitirá facer a aportación municipal para a execución do proxecto de construcción dunha Residencia e Centro de Día da Terceira Idade en Carballedo, así como a adquisición de diferentes equipos informáticos e unha hidrolimpiadora. O investimento medio por habitante cífrase neste Orzamento en máis de 900 euros por veciño mentras que concellos similares esta cantidade soe oscilar entre 150 e os 400 euros por habitante/ano o que dá boa idea da cobertura a todas as demandas da veciñanza e permitirán manter un moi bo nivel de infraestruturas e servizos públicos.
O SEU REXEITAMENTO VAI EN CONTRA DA CONXELACIÓN DE TAXAS E A SUPRESIÓN
DE IMPOSTOS COMO O DE CONSTRUCIÓNS
Por outra banda, os orzamentos abondan na estabilidade orzamentaria e na solvencia económica do Concello de Cerdedo-Cotobade cunha reserva simbólica de 4 euros no capítulo de gastos financeiros xa que esta administración local ten “débeda cero” ao non ter que amortizar nengún crédito por ter as súas contas totalmente saneadas e con autusuficiencia económica.
O alcalde non entende como votan en contra dunhas contas municipais que suprimen o Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) e conxelan a práctica totalidade das taxas vixentes como o Imposto de Bens Inmobles (IBI), o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM-a popular “viñeta”), etc. así como as retribucións dos órganos de goberno municipal. Concello de Cerdedo-Cotobade Finalmente, Jorge Cubela insistiu en que votar en contra destes orzamentos é “darlle as costas a seguir pola senda da mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, das medidas sociais, do impulso do turismo, de alternativas de reactivación económica e social e de procurar medios para impulsar a saída colectiva da crise económica e sanitaria que padecemos, dun xeito activo, anticipándose aos problemas que temos que enfrontar e que ameazan o noso futuro como pobo”, indicou o alcalde.
Cubela defendeu a súa xestión e á dos seus compañeiros e manifestou o seu desexo en seguir apostando polo futuro de Cerdedo-Cotobade a través da incorporación dos máximos investimentos públicos posibles doutras administracións como pasou cos Baños do San Xusto, a mellora de estradas autonómicas, as vivendas sociais das antigas casas dos mestres de Cerdedo, a ampliación da Residencia da Terceira Idade e Centro de Día de Cerdedo, que se acaba de licitar o seu equipamento, a humanización do trazado interior da parroquia de Tenorio, a construción do Centro Sociocultural de Tenorio, a reforma do local da Banda de Música de Tenorio e a prevista inversión no local da Banda de Música de Cerdedo, a construción do Centro Cultural e Turístico Antonio Fraguas, en Carballedo, etc




