Solicita unha subvención de 50.000 euros á administración autonómica para acometer un investimento no local municipal duns 76.500 euros que se completará co Plan Concellos
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, presentou ante a Vicepresidencia da Xunta de Galicia unha solicitude de subvención de 50.000 euros para empregar na mellora integral da Escola de Música de Cerdedo, unha actuación que ten un orzamento inicial de algo máis de 76.000 euros que se completará coa intervención de parte do orzamento concedido ao abeiro do Plan Concellos.
Esta subvención solicitada á Xunta enmárcase dentro da liña de axudas a concellos para infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais e irá destinada ao revestimento dunha das fachadas con sistema de aillamento térmico exterior (SATE) para correxir problemas de humidades existentes na zona do aseo e contigua, segundo o proxecto redactado pola arquitecta local Mercedes Ferández Díaz.
Tamén se pretende realizar a urbanización do espazo de acceso que consistgen en cambio de pavimento, actualmente deteriorado, por un de formigón pulido cunha pendente non superior ao 3% para mellora-las esixencias de accesibilidade das aulas en planta baixa, ademais de dotalas de mobiliario.
Entre outras actuacións, crearase un vestíbulo de entrada entre as dúas aulas, de 37,7 m2 realizado con estrutura metálica, cuberta de panel sandwich con falso teito de virutas de madeira, fachada acristalada con carpintería de madeira e chan de formigón pulido.
Outra das intervencións que se farán de acordo cos responsables formativos da Escola de Música é a unión das dúas aulas situadas na planta baixa demolendo o tabique transversal que as separa e o do corredor para crear unha gran aula de ensaio.
Aproveitaranse as obras para realizar a substitución das xanelas existentes no corredor que conformará a nova aula de música por outras que garantan maior aillamento térmico e acústico. Tamén se colocará unha tarima flotante sobre o pavimento existentes na aula resultante en planta baixa e nas aulas situadas na planta superior e, finalmente, acometerase a reforma do aseo situado na zona onde están as aulas na primeira planta demolendo un tabique e substituíndo os dous sanitarios por un so.
Segundo o alcalde Jorge Cubela, “a remodelación deste edificio municipal para axeitalo ao seu novo cometido como Escola de Música de Cerdedo é unha prioridade para nós debido á importancia que ten que os nosos nenos e nenas poidan aprender a tocar un instrumento coas comodidades e as infraestruturas axeitadas para facelo. A educación é fundamental e
para nós a aprendizaxe musical é unha aposta constante non so nesta disciplina senón en tódalas manifestacións artísticas e musicais que se impulsas desde a veciñanza no noso municipio. E por eso a nosa aposta decidida pola modernización e mellora da Escola de Música de Cerdedo é unha prioridade que agardamos solucionar máis cedo que tarde”, indicou o rexedor.




