Compara o 1,6 millóns de euros da Deputación de Pontevedra cos 22 millóns de euros de axudas directas na Coruña.
O voceiro do grupo provincial do PP de Pontevedra, Jorge Cubela, critica que “o PSOE desta provincia leva burlándose dos autónomos, pemes e hostalería desde o mes de outubro. Primeiro rexeitando por activa e por pasiva aprobar axudas directas na Deputación de Pontevedra para paliar os danos ocasionados pola covid; despois boicoteando a xanela única que pedía o sector e, finalmente, aprobando unhas axudas pola mínima, de 200 euros por negocio nos mellores casos, cargando toda a responsabilidade nos concellos, que non teñen capacidade para xestionalas no tempo que precisan os afectados”.
En resposta á nota de prensa enviada hoxe polo PSOE provincial, Cubela pide que “deixen de utilizar os problemas e o sufrimento de todo o sector para confrontar políticamente. Unha confrontación na que está o PSOE de Vigo exclusivamente, porque hai un cento de concellos, de toda cor política, que xa se interesaron por aceptar o ofrecemento da Xunta de Galicia para utilizar a plataforma do Goberno galego e repartir as axudas de xeito conxunto, pero sobre todo dunha forma áxil, sen burocracia e rápida”.
“Esta é a unidade que precisan os afectados, lonxe das liortas de Regades, Silva e Caballero”. Ademais, di que “o interés do Concello de Vigo para repartir de xeito directo as axudas que, por certo, non ten, non se corresponde nin coas necesidades nin coa vontade do resto de concellos da provincia que si queren e destinan fondos propios para axudar aos afectados e apostan por integrarse no fondo común da Xunta”.
Cubela tamén critica que a Deputación continúe enrocada en aportar 1,6 millóns de euros, cando a Deputación de Coruña acaba de aprobar outros 12 millóns de euros que, xunto aos 10 de final de ano, suman 22 millóns de euros de axudas directas para autónomos e pemes. “Igual deberían explicar por que na Coruña si e en Pontevedra non, e por que os negocios da nosa provincia non van estar en igualdade de condicións para afrontar a recuperación”. A explicación, di Cubela, é sinxela. “O emprego e a recuperación económica da provincia non están na axenda da Deputación de Pontevedra”.




