• A historia de ficción é un thriller co que se pretende realizar unha análise da problemática dos incendios forestais que cada verán se rexistran en Galicia e Portugal
• O alcalde, Manuel Campos, agradece ás persoas responsables deste proxecto o interese por realizar parte da gravación no municipio, o que supón “unha gran oportunidade” para promocionarse a nivel internacional
O municipio de Cuntis acollerá parte da rodaxe da serie televisiva ‘Lume’, un ‘thriller’ incendiario de investigación xornalística, no que, a través dunha historia de ficción, se realiza unha análise da problemática dos incendios que se rexistran de xeito periódico todos os veráns tanto en Galicia como en diferentes zonas de Portugal. O guion corre a cargo de Irene Pin e Sara Rodri.
Os responsables do departamento encargado de realizar as localizacións para a gravación desta peza audiovisual xa mantiveron unha primeira reunión de traballo co Concello, segundo explicou o alcalde, Manuel Campos. Proximamente levaranse a cabo novas visitas para perfilar o traballo da rodaxe e confirmar os emprazamentos elixidos para recrear esta historia. O rexedor lembra que “por desgraza, en Cuntis coñecemos de primeira man as nefastas consecuencias dos incendios forestais”. Sen ir máis lonxe, hai apenas uns días, a finais do pasado mes de xullo, rexistrábase un incendio con ata tres focos diferentes no lugar de Vilar. A rápida intervención dos servizos de extinción impediu que o lume se propagase en exceso.
O alcalde Campos Velay salienta tamén a importancia que supón para a vila formar parte dun proxecto tan ambicioso como este. “É unha oportunidade para amosar as paisaxes e os encantos que ten Cuntis, que son moitos e abundantes, máis alá da ampla oferta termal coa que contamos, polo que estamos moi agradecidos de que se nos teña en conta para este proxecto audiovisual”, concluíu.




