• O alcalde, Manuel Campos, estivo presente na reunión de traballo, convocada ao abeiro da Red de Villas Termales, na que participaron técnicos municipais e representantes de colectivos e negocios vencellados ao sector das augas termais
• O obxectivo é consolidar un plan de acción, implementación e formación do turismo termal, un eido no que a vila é un referente nacional e no que aspira a continuar consolidándose
A Casa da Cultura Roberto Blanco Torres acolleu o pasado martes unha reunión de traballo, convocada polo Concello de Cuntis ao abeiro da Red de Villas Termales da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), co obxectivo de avanzar na elaboración dun plan de acción, implementación e formación do turismo termal. Esta é unha iniciativa que se enmarca dentro do Plan de Recuperación, Transición y Resiliencia (PRTR), impulsado polo Goberno central. Neste encontro estivo o alcalde, Manuel Campos, e tamén participaron os técnicos municipais de Turismo e Medio Ambiente, así como representantes de diversos colectivos, hostalería e negocios vencellados ao sector termal.
Campos, que actualmente é vicepresidente de Villas Termales, agradeceu a presenza e a participación dos e das asistentes e lembrou que “a través deste plan o que se busca é fomentar o desenvolvemento de experiencias sostibles como destino, de xeito que se contribúa ao impulso da economía local”. A promoción da igualdade, a cohesión social e o aproveitamento e posta en valor dos recursos termais de municipio son outras das metas que se pretenden acadar. A entidade dependente da FEMP impulsa iniciativas de este tipo para seguir consolidando o turismo termal como unha proposta de referencia para visitantes. Cómpre lembrar que son aproximadamente uns 80 concellos de toda España os que están adheridos a esta rede, entre os que se atopa Cuntis.
O alcalde salientou o bo funcionamento desta mesa de traballo, incidindo no seu aproveitamento para “analizar os parámetros que nos afectan como destino termal, tendo en conta as achegas e inquedanzas dos e das profesionais do sector”. Con respecto ao plan, aínda en fase inicial, Manuel Campos entende que “é o punto de partida axeitado para aplicar acción e medidas que axuden a continuar potenciando un dos grandes dinamizadores turísticos e sociais de Cuntis, como son as augas termais”. Unha proposta que ten, entre outras vantaxes, a súa capacidade para atraer a turistas durante todo o ano, garantindo a desestacionalización do turismo. “A día de hoxe Cuntis é un referente no Norte de España neste eido e imos traballar para continuar mellorando a nosa oferta”, garantiu Campos Velay.
Por último, o Concello lembra que, no anterior mandato da Red de Villas Termales, con Manuel Campos como presidente, foi cando se asinou o convenio de colaboración ca Administración central para a adquisición de fondos europeos, por valor de 1,5 millóns de euros, co obxectivo de impulsar accións e proxectos que sirvan para mellorar a oferta termal. “Foron moitos anos de traballo para que ese acordo se fixera realidade e agora tanto as institucións como o sector temos que ir da man para acadar resultados no menor tempo posible”, finalizou Manuel Campos.




