· A ordenanza de venda ambulante, recentemente modificada en Pleno polo PSOE para obrigar aos feirantes a trasladarse ao paseo do río en verán, cumpre un mes sen aplicarse pola negativa dos vendedores.
· Os populares desmarcáronse no Pleno dunha nova ocurrencia sen consenso e sen dialogar cos comerciantes que se negaron o pasado 20 de maio a participar en ningún sorteo de postos que se pretendía levar a cabo na Casa Consistorial.
O Partido Popular de Ponte Caldelas constata un novo fracaso da política de ocurrencias do alcalde Andrés Díaz coa negativa dos vendedores ambulantes de trasladar os seus postos durante os meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro ata o paseo do río, tal e como recolle a recente ordenanza de venda ambulante aprobada en solitario polo rodillo do PSOE e sin acadar o consenso nin cos implicados nin cos grupos municipais.
Cúmprese agora un mes desde que os ambulantes se negaran a participar nunha xuntanza na Casa Consistorial para sortear os lugares que ocuparían eses postos no Paseo Manuel Cordo Boullosa advertindo ao alcalde de que si proseguía co seu empecinamento en desprazalos ata esa ubicación deixarían de concurrir á feira de Ponte Caldelas.
No pleno onde se aprobou esta nova ordenanza de venda ambulante no municipio, os concelleiros do Partido Popular de Ponte Caldelas advertíronlle ao alcalde que esa nova ocurrencia chocaba frontalmente cos intereses dos feirantes e que a dispersión de postos por varios emprazamentos da vila desdebuxaba e atentaba gravemente contra os desexos dos vendedores.
Esta reclamación foi ignorada, como de costume, pola maioría absoluta do PSOE quen se limitou a someter a votación a súa proposta sen atender a ningún tipo de chamamento ao diálogo e ao consenso.
Agora, demóstrase pola vía da práctica o fracaso doutra ocurrrencia do alcalde posto que no artigo 4.1.1. da recente normativa aprobada polo PSOE se recolle textualmente que “no período comprendido entre o 20 de maio e o 20 de setembro (ambos inclusive) de cada ano natural, o emprazamento dos postos que non teñan como obxecto de venda os produtos de alimentación (froitas, verduras, embutidos, salgados,…) será no Paseo Manuel Cordo Boullosa (paseo da Calzada)”.
Con anterioridade, e previa discusión cunha concelleira do grupo de goberno pola “ausencia casual” do alcalde, Andrés Díaz, non se pudo dar cumprimento na Casa Consistorial do sorteo de postos debido á oposición frontal dos vendedores ambulantes incumpríndose así tamén o artigo 4.1.2. da ordenanza que recolle que o sistema de distribución dos postos no emprazamento do Paseo Manuel Cordo Boullosa será do seguinte xeito: “Unha vez ó ano, e sempre antes da data do 20 de maio, por parte do Concello de Ponte Caldelas levarase a cabo un sorteo público no que se determinará a ubicación dos postos que se trasladen a dito emprazamento temporal”.
QUE SE APROBE UNHA NOVA ORDENANZA QUE HARMONICE A REALIDADE COA LEGALIDADE E SUPRIMA O TRASLADO DOS POSTOS AO PASEO DO RÍO
Polo tanto, o PPdeG solicitará no vindeiro Pleno que se derrogue a presente ordenanza aprobada cos votos do PSOE e se redacte unha nova que harmonice a realidade da venda ambulante en Ponte Caldelas coa legalidade e suprima o traslado inexistente e ineficaz dos postos dos feirantes ao Paseo de Manuel Cordo Boullosa ou paseo do río á Calzada.
Ao mesmo tempo os populares préganlle ao alcalde que deixe de facer o ridículo con propostas que non contan co consenso e o diálogo cos interesados e que renunicie ás súas ocurrencias que non teñen plasmación práctica e das que ten que desdecirse pola porta de atrás á calada e pola vía dos feitos ante a oposición cidadá.




