HomePontevedraPonte CaldelasDíaz segue sen sacar a concurso o contrato do lixo tras 14...

Díaz segue sen sacar a concurso o contrato do lixo tras 14 anos da súa sinatura e con sucesivas prórrogas pese ás queixas polo mal servizo e os reparos de Intervención

- Anuncio -spot_img

· Os populares denuncian o oscurantismo do alcalde sobre o contrato que mantén con Urbaser sen que ao interventor lle conste prorrogado. O técnico municipal arroxa graves dúbidas sobre unha posible duplicidade de facturas a unha empresa para a redacción dos pliegos subvencionados e pagados xa no 2018 con cargo, presuntamente, a unha subvención da Xunta.

· O PPdeG reclámalle ao goberno municipal que inicie o proceso de contratación e mentras tanto que exerza de xeito activo os poderes de seguemento que lle dá o contrato asinado no seu día para obrigar á concesionaria a mellora-lo servizo que vén prestando.

O PPdeG de Ponte Caldelas esixiralle ao alcalde Andrés Díaz no vindeiro Pleno que realice, dunha vez, a convocatoria do concurso público para renova-las condicións do servizo de recollida de lixo asinado hai casi 14 anos e que se atopa obsoleto para atender tódalas demandas que precisa o municipio nesta materia. Intervención asegura que non consta prórroga do contrato e arroxa dúbidas sobre unha posible duplicidade de factura e asegura que “non se xustifica que a factura (que se acaba de presentar a cobro por unha empresa que presentou outra presuntamente similar no 2018) se refira a un obxecto contractual diferente da obrante no expediente 596/2018, o que debería acreditarse, dado que pode tratarse dun fraccionamento de contrato ou de duplicidade na facturación”.

Os populares denuncian o continuo oscurantismo que rodea este tema que fai que se vaia prolongando sucesivamente e pola porta de atrás as prórrogas dun contrato que non conta coa supervisión e a esixencia debida por parte do equipo de goberno para garantir o seu seguemento e forzar a que Urbaser, concesionaria do servizo, cumpra coas obrigas que se determinan no pliego e no contrato asinado. Choca aínda máis esta situación cando o Concello recibiu, hai xa anos, unha subvención da Xunta para colaborar no custe da redacción do pliego do concurso que desde hai 4 anos segue pendente.

DEIXADEZ SOSPEITOSA E INUSUAL NUN SERVIZO BÁSICO

Para o PPdeG existe por parte do grupo de goberno unha “deixadez sospeitosa e inusual” nun servizo que ás claras non está dando a resposta axeitada ás necesidades do municipio e que é motivo de queixa continua por parte da veciñanza por deficiencia no servicio con cuestións similares como as que se están denunciando contra a empresa noutros concellos onde presta os seus servizos como en varios concellos do Morrazo como Cangas e Moaña e tamén en Vilaboa, por exemplo.

Andrés Díaz, unha vez chegado ao goberno, mudou por completo de parecer e substituíu a súa intención de remunicipalizar o servizo, como propoñía irresponsablemente cando estaba na oposición, a renunciar na práctica a facer seguemento exhaustivo algún do traballo que fai a empresa para o cal está facultado polas condicións recollidas no pliego de condicións do contrato, ése que di falsamente que “o ten atado”, pero que nembargantes leva prorrogando inxustificablemente desde o ano 2017.

Mentras tanto, os concelleiros do PPdeG fanse eco das queixas dos veciños que aseguran que os contedores cheiran fatal e que non se realizan un lavado e desinfección en profundidade no periodo de tempo especificado no contrato e nas melloras ofertadas por Urbaser. Así, segundo consta no contrato, a empresa concesionaria comprometeuse a facer un baldeado e desinfección exhaustiva de tódolos contedores cada 15 días nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, mentras que o resto do ano esa operación de lavado faríase cada mes cousa que, segundo a veciñanza, non sucede.

MAIOR VOLUME DE RESIDUOS ENVIADOS A SOGAMA QUE INCREMENTAN O CUSTE DO SERVIZO ÁS ARCAS MUNICIPAIS

Por outra banda, o PPdeG considera que un novo concurso podería axudar a renovar o parque móbil destinado a este servizo, que conta con camións moi envellecidos, contedores deteriorados e que non cumpren as recomendacións de uso a raíz da pandemia da Covid-19 e que presentan problemas de cheiros pola falla dun seguemento axeitado que garanta o cumprimento dos compromisos de limpeza e desinfección periódica asumidas no contrato rematado e periódicamente prorrogado sen xusficación ante o Pleno.

Ademais, os concelleiros do PPdeG están detectando un maior aporte de residuos a Sogama co cal aumenta a tonelaxe enviada o que fai subir o custe que asume o Concello. Así, o ano pasado Ponte Caldelas enviou á estación de tratamento unhas 2.110,54 toneladas (181,49 máis que no 2019), un 9,4% máis con respecto ao exercizo anterior, moi lonxe dos estándares recomendados pola Unión Europea sobre separación e reciclaxe de residuos sólidos urbanos e dunha política medioambiental sostible que fomente a compostaxe ou outros métodos de tratamento eficaz para o lixo doméstico.

Publicacións Relacionadas