O presidente dos populares Rafa Domínguez solicitou o expediente da concesión da licenza de primeira ocupación da casa de Lores: “Quedan puntos por explicar. Estudaremos ao detalle e tomaremos unha decisión política”
Domínguez confía en que tanto o BNG como o PSOE voten a favor da Comisión de Investigación que se debaterá no próximo Pleno municipal: “Creo que queda claro que Pontevedra necesita un cambio, abrir as xanelas, instaurar lle legalidade”
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, compareceu para analizar a polémica sobre a licenza de primeira ocupación da casa do alcalde Fernández Lores. Comezou Domínguez insistindo en que o erro do alcalde é “moi grave, pero acéptase”, pero “aínda se agravou máis coas numerosas versións e mentiras que o Goberno local ha utilizado esta semana para tratar de xustificar o inxustificable”.
Ao termo da rolda de prensa, Domínguez solicitou o expediente completo da concesión de licenza: “Queremos estudar os detalles do documento, analizar cuestións que quedan sen responder e despois tomar unha decisión política”. O popular recoñece que quedan “cabos soltos e preguntas que nos quedan por resolver, e cremos que as mentiras do Goberno local han agravado moitísimo a situación”.
O popular insistiu nos erros e mentiras do Goberno local: “Desde descoñecer as propias ordenanzas municipais ata confundir licenza de obra coa de primeira ocupación. Ordenanzas que o propio Lores apoiou”. A mencionada norma municipal, na súa disposición transitoria, recolle que os procedementos en tramitación coa entrada en vigor da Ordenanza xa se rexerían pola mesma. “Os propios técnicos municipais confirmáronnos que Lores debería solicitar a licenza de primeira ocupación”, recalcou Domínguez, “por tanto, Lores viviu nunha casa sen licenza de primeira ocupación durante 22 anos. O que é irregular”.
Outro dos puntos que Domínguez definiu como “difícil de explicar” é como o alcalde puido conectarse á luz, á auga, e a outros servizos básicos, sen licenza de primeira ocupación, un documento que se esixe ter. “Podo imaxinar a indignación de centos e centos de pontevedreses que tiveron dificultades con urbanismo, que tiveron dificultades para conseguir a licenza de primeira ocupación, que tiveron a imposibilidade de levar a cabo a casa dos seus soños por algún tipo de problema, creo que é indignante a actitude do señor alcalde de Pontevedra mentindo e levando a cabo este tipo de accións”.
“Quero dicir claramente que o señor Lores tentou ocultar esta irregularidade da opinión pública, tentou que isto non saíse e tentouno, sen éxito, e o tentado en colaboración co PSOE. Creo que queda claro que o Concello necesita un cambio, abrir as xanelas, creo que non se pode gobernar como se goberna hai 25 anos. Creo que se debe instaurar a legalidade neste concello”.




