O presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, fixo públicas as sentenzas relacionadas coa adxudicación do contrato para a xestión do IBI: “Mestúrase o malgaste coa absoluta incapacidade do Goberno local”
A empresa afectada, Eibisa Norte SL, acudiu aos tribunais de Contas e Superior de Xustiza de Galicia, os cales lle deron a razón: “Despois da sentenza do TSXG, a empresa esperaba ser a adxudicataria, pero o Concello deulle o contrato á segunda empresa #ante o sorpresa de todos”
En contra de calquera criterio, incluso o do servizo xurídico do Concello, dáse a orde desde Alcaldía de recorrer ao Supremo: “Supón un enorme gasto, con costas e intereses pode roldar os 300.000 €, por unha diferenza menor a un euro”
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, desvelou este mércores o proceso xudicial que afecta ao Concello derivado da adxudicación do contrato para a xestión do IBI. Para Domínguez, este proceso xudicial é mostra do “malgaste de diñeiro público e a absoluta incapacidade do Concello para facer as cousas dunha forma correcta”. En concreto, Domínguez referiuse a un concurso público, con valor de 200.000 euros, ao que se presentou unha empresa con ampla experiencia no sector, Eibisa Norte SL. Esta sociedade, apuntou Domínguez, ocupou o primeiro lugar, ao contar coa maior puntuación de todas as que se presentaron.
“Con todo, e de forma absolutamente ilóxica, desde o Concello aduciron que a empresa presentaba unha baixa temeraria, é dicir, ao órgano de contratación suscitáballe dúbidas que esta empresa tivese a posibilidade de levar a cabo a xestión do IBI pois entendían que o prezo proposto era demasiado baixo. Acto seguido, o Concello concedeu á segunda empresa o contrato”, relatou o popular. A empresa afectada, Eibisa Norte, acudiu aos tribunais ao considerar inxusta a decisión do Concello: “O Tribunal de Contratación Administrativa dálle a razón a esta empresa, fallando en contra do Concello. O Concello recorre ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Administración local volve perder”.
Domínguez contou que unha vez estes dous organismos de xustiza déronlle a razón á empresa, esta contaba con ser a adxudicataria, pero o Concello xa lle daba o contrato á segunda organización. Ademais, “coa única misión de dilatar o proceso e en contra de calquera criterio xurídico”, mesmo do propio servizo xurídico do Concello, dáse a orde de recorrer ao Tribunal Supremo.
A decisión da empresa de recorrer á Xustiza ten como motivo que a diferenza entre a súa oferta e a segunda é “de só 99 céntimos”. “O Concello, cun contrato de 200.000 euros, elimina a unha empresa porque cre que con ese prezo non vai ser capaz de desenvolver o proxecto, e adxudícallo á seguinte que ofrece un prezo 0,99 € superior. Expulsar unha empresa, cun contrato de máis de 200.000 €, por unha baixa temeraria, por unha diferenza de 0,99 €, é unha tomadura de pelo aos pontevedreses, aos contratos públicos e aos procesos de selección”.
Segundo os cálculos dos populares, “vai ter que indemnizar con 200.000 € a esta empresa e os custos dos recursos, sobre todo o do Tribunal Supremo, poden chegar mesmo a un total de 300.000 €, con costas e intereses”. Domínguez incidiu en que o Concello “está a tirar o diñeiro dos pontevedreses e a forma de actuar do Concello á hora de resolver estes contratos indica un absoluto desprezo pola normativa de contratación. Un escándalo máis que vaille a custar a todos os pontevedreses torno a 300.000 €”.




