• O líder do PP esixe ao goberno local que repare o pavimento danado en Ou Bispo, mellore a iluminación en Sabarís, limpe as beirarrúas que cruzan cara á capela de Santo Paio e roza as cunetas para facilitar a drenaxe das vías de titularidade municipal
• Os populares solicitarán ao Concello, na comisión informativa de mobilidade, que se instalen 10 postes da luz para mellorar a seguridade e o benestar dos veciños de Sabarís
O presidente e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, puxo o foco en varias zonas maltratadas de Campañó para esixir ao goberno local que repare o pavimento danado, mellore a iluminación e atenda as reivindicacións históricas dos veciños da parroquia.
A primeira parada foi na aldea de Ou Bispo, pendente da rede de sumidoiros e onde, ademais, “levan anos padecendo os inconvenientes de sufrir unhas fochancas inmensas que os condutores teñen que esquivar para non rebentar as rodas dos seus vehículos. A pesar das queixas dos afectados, non se fixo absolutamente nada por mellorar o asfalto durante o último lustro”, reprochou o líder do PP.
A súa seguinte visita, acompañado polos veciños da zona, foi ao lugar de Sabarís. Desde a ligazón coa estrada de Vilagarcía (PO-531) cara á subida a Sabarís, Domínguez comprobou que “os residentes están sen ningunha iluminación, polo que imos solicitar, nunha comisión informativa de mobilidade do Concello, a instalación duns 10 postes da luz para mellorar a seguridade e o benestar da veciñanza”.
No Freixo, “ao saír da PO-310, atopámonos con maleza sen rozar que invade as beirarrúas e a varanda da ponte que cruza cara á capela de Santo Paio, obrigando aos peóns para cruzar pola calzada”, denunciou publicamente.
O roteiro finalizou na igrexa de San Pedro de Campañó, desde onde pediu que o Concello “roce as cunetas” de titularidade municipal na parroquia, para facilitar a drenaxe da contorna da vía en caso de choiva, ademais de mellorar a visibilidade nas curvas.
En definitiva, Domínguez sacou a conclusión de que Campañó continúa “igual de abandonada que o resto das parroquias de Pontevedra, e dáme moita pena que o alcalde do BNG esquézase do rural á hora de executar os orzamentos municipais, que está a piques de aprobar co voto favorable do submiso PSOE”.




