O presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, cualificou a compra como “positiva para os pontevedreses”, pero repasou os interrogantes que o trámite xera nestes momentos, como o custo da rehabilitación
“É unha gran noticia e é de xustiza recoñecelo. Nós xa contemplabamos a compra no noso programa electoral. O prezo da compra parécenos adecuado. Con todo, non se pode entender esta postura como unha carta branca”
Domínguez recoñeceu que é “moi precipitado presentar este anuncio con só un preacordo verbal”: “Entendemos que se debe á necesidade dun Goberno local de presentar proxectos, que é o que faltou os últimos anos”
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado do concelleiro Pablo Fernández, compareceu este venres valorar o preacordo verbal para a compra do convento de Santa Clara. Domínguez iniciou a rolda de prensa explicando que dentro das funcións da oposición atópase a de auditar as actuacións do Goberno local: “Entendemos que a crítica non é só lexítima, senón que tamén en moitas ocasións é absolutamente necesaria e positiva, pero iso non significa que non podamos apoiar aqueles proxectos nos que sae gañando Pontevedra”. O popular recoñeceu “ser moi crítico con certas decisións, pero entendemos que esta compra é positiva para a cidade”.
“Con todo, non se pode entender isto como unha carta branca ao Goberno local: séguennos xurdindo algunhas dúbidas sobre determinados aspectos deste proxecto. En primeiro lugar, paréceme moi precipitado presentar un preacordo verbal, parece pouco serio. As cousas débense presentar no momento en que están asinadas”, argumentou Domínguez. “Entendemos que se debe á necesidade do Goberno local de presentar proxectos ilusionantes, que é o que faltou en todo o presente mandato”, explicou o popular.
Nesta liña, “aos pontevedreses gustaríanos ter algunhas respostas ás preguntas que nos suscitou este preacordo verbal”. O primeiro, o uso que se lle vai a dar a Santa Clara: “Nós dixemos xa na Deputación e o Concello que nos parece unha boa oportunidade para dedicar este edificio ao Museo de Pontevedra e evitar a excentricidade de facer perforacións no casco antigo da cidade”. Outra opción para os populares é a creación dunha biblioteca municipal que Pontevedra carece, “e que é unha demanda dos mozos, sobre todo, en momentos de exames”. Por tanto, desde o “Partido Popular seguimos preguntado cal vai ser a función e cal vai ser o uso que se lle vai a dar ao edificio de Santa Clara”.
Outra das cuestións que abordou Domínguez é a de canto vai custar aproximadamente as obras de restauración do edificio, que dependen do estado no que se atopa. Para iso “é importante ter o coñecemento e os informes técnicos que pedimos”. Neste sentido, o presidente dos populares de Pontevedra tamén preguntou de que forma, chegado o momento, van participar as diversas administracións na compra ou en posteriores obras.
Para rematar, Domínguez incidiu nun dos puntos “que para nós é fundamental”: “Que se poida abrir esa zona verde a todos os pontevedreses. É necesario buscar unha fórmula entre todos para que ese espazo verde nun lugar tan privilexiado poida ser utilizado por todos. Desde logo, dentro de dous anos, cando sexa alcalde, prefiro ser alcalde dunha Pontevedra co convento de Santa Clara formando parte do patrimonio todos os pontevedreses”.




