HomePontevedraPontevedraDomínguez solicita ao Concello que pague as viaxes de adolescentes ao estranxeiro...

Domínguez solicita ao Concello que pague as viaxes de adolescentes ao estranxeiro para mellorar o seu inglés

- Anuncio -spot_img

• O Partido Popular insta o Goberno local á posta en marcha e convocatoria dun Plan de Inmersión Lingüística en inglés, dirixido ao alumnado de 3º da ESO que estea empadroado en Pontevedra

• O portavoz do grupo municipal máis votado avoga por “darlle unha volta ao Concello, que segue coas mesmas iniciativas de sempre, e incorporar novas formas de facer política para mellorar a vida dos pontevedreses e darlles novas oportunidades”

O Partido Popular de Pontevedra recuperou do caixón das súas mocións rexeitadas por nacionalistas e socialistas, no mandato anterior, unha das propostas do ámbito educativo e cultural que Rafa Domínguez considera “moi vantaxosa” para que moitas familias pontevedresas teñan a oportunidade de enviar aos adolescentes para estudar inglés no Reino Unido ou Irlanda, ao mesmo tempo que gozan dunha experiencia inesquecible no estranxeiro, durante o verán.

O portavoz municipal do PP rexistrou unha moción para instar á Xunta de Goberno Local a iniciar os trámites necesarios para a posta en marcha e redacción das bases para a convocatoria dun Plan de Inmersión Lingüística en inglés, sostido exclusivamente con fondos municipais, e “dirixido ao alumnado de 3º da ESO, empadroado en Pontevedra e que aprobase todas as materias do curso anterior para premiar a cultura do esforzo”.

Esta iniciativa, da que se aproveitan os menores doutras cidades próximas e que xerou unha opinión moi positiva entre os pontevedreses, achegaría “múltiples vantaxes” entre os seus participantes: mellora do inglés; exposición cultural ao experimentar unha nova cultura e un novo sistema educativo, coñecer costumes e tradicións; independencia e responsabilidade; confianza en si mesmo polo desafío de vivir nun país estranxeiro; habilidades sociais e amizades internacionais; aventura e diversión, máis aló da aprendizaxe.

Domínguez explicou que a viaxe, financiado exclusivamente con fondos municipais, debería incluír a estancia durante tres semanas, os gastos de viaxe de ida e volta, monitores bilingües que acompañarán aos alumnos cunha proporción dun monitor por cada 10 alumnos, a matrícula nun curso intensivo de mellora do inglés, o certificado ou diploma acreditativo, e as actividades culturais e deportivas extracurriculares.

O programa sería “completamente gratuíto” para as familias cun membro en paro, para as familias monoparentais e para as que, a unidade familiar, teña unha renda per cápita inferior a 15.000 euros. Doutra banda, as que teñan unha renda superior a esa cantidade “tan só terán que abonar” o 25 por cento da viaxe.

O líder do Partido Popular avoga por “darlle unha volta ao Concello, que segue coas mesmas iniciativas de sempre, e incorporar novas formas de facer política, novas formas de mellorar a vida dos pontevedreses e novas fórmulas para achegar o Concello aos cidadáns”, concluíu.

Publicacións Relacionadas