-David Regades: “Como mestra, Isaura estivo comprometida coas persoas máis novas; como concelleira, coas máis vulnerables e, como deputada, coa igualdade entre galegas e galegos”
O pasamento da histórica militante socialista viguesa Isaura Abelairas na madrugada de hoxe foi recibida por toda a militancia da provincia cun fondo pesar. O secretario xeral provincial, David Regades, destacou que o socialismo galego vive hoxe “un día moi triste ao perder a unha das súas referentes”.
O secretario xeral destacou que o PSdeG-PSOE “perdeu a unha gran militante, unha gran socialista e, sobre todo a unha gran amiga, de todos e todas; a unha gran persoa”.
Facendo un repaso ao seu compromiso político dende o Concello de Vigo, a Deputación provincial e o Parlamento galego asegurou que Isaura “estivo sempre comprometida”. “Como mestra co benestar das persoas máis novas; como concelleira, coas persoas máis vulnerables e como deputada coa igualdade entre galegas e galegos”.
David Regades concluíu enviando todo o afecto do socialismo da provincia á familia e ás persoas máis próximas, especialmente as súas dúas fillas.
Mestra de profesión e directora do CEIP Emilia Pardo Bazán de Vigo entre 1993 e 2007, Isaura Abelairas entrou na política activa hai 20 anos. Foi concelleira en Vigo entre 1999 e 2003 e entre 2007 e 2020, ostentando a Concellería de Benestar Social no equipo de Abel Caballero. Dende 2015 ata 2020 foi deputada provincial converténdose na primeira deputada de Igualdade da historia da institución da man de Carmela Silva. En febreiro de 2020 accedeu ao Parlamento Galego, integrándose na lista de Gonzalo Caballero, ocupándose tamén das responsabilidades sobre Igualdade no grupo socialista.




