• Explica que o modelo eólico da Xunta avoga por favorecer o desenvolvemento ordenado do sector, sempre que sexa compatible co resto de actividades económicas e desde o máximo consenso.
• Recorda que tramitar os proxectos non é o mesmo que autorizalos.
Alcaldes e voceiros do Partido Popular afectados no seu territorio por proxectos de parques eólicos mantiveron onte pola noite unha reunión semipresencial co vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde.
Foi a través dunha convocatoria do PP provincial, na que Conde explicou que o modelo da Xunta de Galicia avoga por favorecer un desenvolvemento ordenado do sector eólico, aberto a quen dispoña de capacidade legal, técnica e económica para participar, sempre que sexa compatible co resto de actividades económicas –neste caso, principalmente, vinculadas ao sector primario e forestal– e desde o máximo consenso con todas as partes implicadas.
Insistiu en que tramitar os proxectos eólicos, que é unha obriga para calquera administración pública, non é o mesmo que autorizalos. Nesta liña, apuntou que a tramitación administrativa que se realiza no procedemento de autorización dun parque eólico que dependa da Xunta de Galicia conta con todas as garantías xurídicas, técnicas e ambientais correspondentes antes da emisión dunha resolución en sentido positivo ou negativo. É máis, todos os proxectos se someten a unha adecuada avaliación das súas repercusións no lugar e contan cun proceso totalmente transparente.
Por último, recordou que o Goberno galego creou a rede de información provincial para manter un contacto directo e fluído cos concellos que permitirá poñer a disposición información de primeira man, antes de proceder á preceptiva exposición pública dos proxectos eólicos. Sen prexuízo das alegacións que este organismo, así como calquera outra persoa ou entidade da zona, poida presentar no trámite de exposición pública.




