Ademais de enviar esta solicitude ao departamento dependente do Estado, o alcalde de Caldas de Reis tamén mantivo hoxe outro encontro co subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada
Pérez Gulín recalca a necesidade de separar en dous proxectos a futura actuación: un específico para o acceso ao Porto de Vilgarcía e outro para a propia Variante, respectando a proposta aprobada por unanimidade polo
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, vén de solicitar a convocatoria dunha reunión en Madrid co Ministerio de Transporte e Mobilidade Sostible, na que tamén poidan estar presentes representantes das parroquias do municipio, para solicitarlle ao ente dependente do Goberno central que teña en conta as propostas que desde o propio Concello e da veciñanza se queren achegar para mellorar o estudo para o futuro proxecto da Variante Oeste. O rexedor caldense incidiu unha vez máis na necesidade de que a actuación non afecte a ningunha vivenda e, ademais, recalca a importancia de que se aposte pola proposta que foi aprobada por unanimidade polo Pleno da Corporación no ano 2008, a cal non afecta a inmobles nin tampouco desvertebra ningunha parroquia. Asemade, o Concello tamén confía en que o Ministerio contemple a posibilidade de acometer nun proxecto diferente para o aceso ao Porto de Vilagarcía, que é o que realmente ten un maior impacto nas parroquias caldenses.
Precisamente, o alcalde de Caldas de Reis adiantou algunhas destas cuestións ao subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, nunha reunión que tivo lugar na mañá deste martes. Neste encontro, Jacobo Pérez confirmou o envío da solicitude para poder citarse en Madrid con representantes do Ministerio, nun encontro no que tamén poidan tomar parte representantes veciñais das zonas máis afectadas polo estudo. O rexedor salientou a implicación que está a ter a veciñanza neste proceso e destacou a importancia de que “a cidadanía e as institucións vaiamos da man, para conseguir que se execute un proxecto para que Caldas de Reis conte cunha variante que dea resposta ás necesidades do municipio, sen que iso supoña un agravio para os nosos veciños e veciñas”. Nesta liña, Abel Losada considera como “moi razoables” as alegacións que o alcalde lle anunciou “porque queda claro que o Concello está moi interesado na execución desta infraestrutura, necesaria para sacar o tráfico da N-640 do centro urbano”. O subdelegado do Goberno en Pontevedra animou a Jacobo Pérez a defender nas alegacións que presente o Concello o trazado aprobado polo Pleno municipal en 2008, que se baseaba nun ramal de conexión entre Tivo (N-550) e as inmediacións do polígono de Veigas de Almorzar (N.-640).
Losada aplaudiu e puxo en valor “a seriedade coa que desde o Concello se está a analizar este estudo informativo”, que é un documento previo ao proxecto. “A Administración do Estado é consciente de que hai que resolver o problema de tráfico que hai en Caldas interconectando as estradas nacionais 640 e 550.
“Escoitar aos alcaldes, que son os lexítimos representantes da veciñanza, só pode conducir a que o deseño finalmente elixido sexa o mellor”, subliñou.
As alegacións do Concello irán ao Pleno de setembro
Jacobo Pérez confirmou que os técnicos municipais seguen a traballar na elaboración das alegacións que presentará o Concello de Caldas de Reis ao estudo. Ademais, adiantou que este documento será levado a Pleno na sesión ordinaria de setembro, o vindeiro día 25, co obxectivo de acadar “o maior consenso posible”.
O alcalde estima que, en total, presentaranse preto dun millar de alegacións. Cómpre lembrar que desde o propio Concello se facilitou á veciñanza un modelo de alegación estándar para facilitar e axilizar a tramitación. A Administración local aínda dispón ata principios de outubro de prazo para presentar ante o Ministerio as súas alegacións.




