• Jorge Cubela: “Por esta traizón, que nin perdoamos nin esquecemos, estaremos no noso dereito de retirarlles a confianza que nos pediron, e no seu día lle dimos”
Máis de 700 persoas concentráronse na Chan para protestar pola decisión de Abanca de pechar 15 oficinas bancarias na provincia de Pontevedra, entre elas a de Carballedo. O acto contou coa presenza do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o da Lama, Jorge Canda, así como representantes de todos os grupos políticos da Corporación, varios deputados provinciais do PPdeG e do PSdeG-PSOE así como concelleiros de Campo Lameiro e o voceiro do PPdeG de Ponte Caldelas.
Os concentrados portaban carteis co lema “Abanca non se pecha” e protestaban pola decisión da entidade bancaria de pechar tanto a oficina de Carballedo como as de Soutelo de Montes (Forcarei), Seixo (Marín), Vilaxoán e Carril (Vilagarcía de Arousa), entre outras.
A protesta que se prolongou por espazo de 45 minutos rematou coa intervención do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, quen agradeceu o amplio respaldo de toda a contorna a través da presenza dos concelleiros de concellos limítrofes e deputados provinciais dos principais partidos políticos con representación na Deputación e ensalzou a capacidade de resposta da veciñanza que de xeito masivo secundou esta protesta. Concello de Cerdedo-Cotobade Cubela lembrou aos asistentes as xestións realizadas ante a dirección de Abanca para evitar o peche de oficinas e sinalou que “se Abanca non reconsidera a súa decisión, que atenta contra o desenrolo dos nosos pobos en plena etapa de reactivación económica fronte á pandemia, exploraremos novas vías e novas alternativas para que non quedemos sin oficina bancaria en Carballedo, en Soutelo, en Seixo, en Vilaxoán, en Carril, e noutras tantas poboacións”.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade manifesto que “seguiremos presionando e dialogando sen renunciar a nada, pero tamén coa idea clara de que uns poucos facemos moito e que o mesmo que no seu día lle dimos a nosa confianza a Abanca, cando nola pediu, tamén nós estaremos no dereito de retirarlla por esta traizón que nin perdoamos nin esquecemos. Se eles non contan con nós, nós tampouco o faremos con eles”.
Jorge Cubela rematou a súa intervención entre aplausos dos concentrados dicindo: “Un pobo unido resulta invencible e nesta loita, todos xuntos, imos gañar. NON AO PECHE BANCARIO NO RURAL. NON AO PECHE DE ABANCA EN CARBALLEDO”.




