HomePontevedraMañá actívase o teléfono de información para as axudas a ordenadores

Mañá actívase o teléfono de información para as axudas a ordenadores

- Anuncio -spot_img

O número é 681 26 48 35 e estará atendido de 09.00 a 14.00 horas e luns a venres.
A Concellaría de Promoción da Cidade, que dirixe Anabel Gulías, encargada da xestión do Plan Supera na cidade activa mañá pola mañá o teléfono de contacto para obter máis información sobre as primeiras axudas que vén de presentar o Concello: as axudas para material informático (ordenadores) para escolares de Primaria a Bacharelato. O número de teléfono é: 681264835 e estará operativo de 09.00 a 14.00 horas, de luns a venres.
A liña de axudas a ordenadores pretende paliar “a fenda dixital” entre o alumnado que puxo de manifesto o uso de plataformas dixitais por parte dos centros educativos, que se viron abocados a buscar alternativas ás aulas presenciais con motivo da irrupción da pandemia.
A partida destinada a estas axudas ten un orzamento de 400.000 euros e a contía máxima da axuda será de 400 euros por ordenador. Subvencionarase a compra de ordenadores portátiles ou de sobremesa adquiridos entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de decembro de 2021, e o anticipo da axuda será do 100%.
As beneficiarias serán as familias empadroadas en Pontevedra con fillos e fillas menores de 18 anos matriculadas no curso 2020-21 en centros de ensino público e o criterio económico terá en conta o número de membros da unidade familiar e a renda da familia, utilizando como elemento ponderador o salario mínimo interprofesional.
Bonificaranse as familias monoparentais, as mulleres vítimas de violencia machista e os grandes dependentes.
PLAN SUPERA
As axudas ao soporte informático están dentro dunha das liñas de actuación do Plan Supera, é dicir, o plan de reactivación económica do Concello para combater os efectos desta pandemia da Covid. “Trátase de inxectar diñeiro na economía e xerar postos de traballo, investindo en cuestións fundamentais como dar servizos aos cidadáns, mellorar a calidade de vida e a calidade urbana tanto nos núcleos rurais como no centro urbano e dar, en definitiva, máis e mellores servizos” resumiu o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores na presentación do Supera.
Estas liñas están recollidas nunha páxina web supera.pontevedra.gal que xa está totalmente operativa dende o venres pola tarde. Os apartados son “Coidado das persoas” onde se atopan as axudas a ordenadores; o segundo enfocado a apoiar a cultura local e o deporte; o terceiro atinxe á economía local a través da convocatoria Supera21; e o cuarto abrangue os investimentos de futuro.

  1. Coidado das persoas inclúe a convocatoria de ordenadores, axudas de emerxencia, axudas destinadas á provisión de produtos e bens de primeira necesidade en tempos de Covid-19, renda social, atención a vítimas e violencia machista, e infraestruturas sociais como o Centro Sur ou a reforma do edificio de Santa Clara.
  2. Apoio á cultura local e ao deporte destinado a promover a programación de eventos e o fomento de actividades na rúa con repercusión no comercio local, tendo en conta a evolución da situación sanitaria. Mantense a liña de traballo iniciada en 2020 na programación de verán e do Nadal ou a xestión de fondos para o deporte local evitando os problemas que están a ter os clubs.
  3. Apoio á economía local é, fundamentalmente, a convocatoria das axudas Supera21, cuxas bases está previsto que saian publicadas ao longo do mes de marzo. Estas bases están sendo consensuadas con todos os sectores económicos para que acheguen ideas que poidan ser recollidas na nova convocatoria.
  4. Investir no futuro refírese á inxección de liquidez na obra pública e nos sectores tractores da cidade capaz de redistribuír a riqueza. O obxectivo é mellorar a calidade de vida da veciñanza e xerar unha cantidade importante de postos de traballo grazas ao plan de investimento no que se recolle a dotación de equipamento, melloras de reurbanización e dotación servizos.

Publicacións Relacionadas