HomePontevedraO SalnésMedio Ambiente encarggará un proxecto integral para recuperar e poñer en valor...

Medio Ambiente encarggará un proxecto integral para recuperar e poñer en valor a fachada marítima norte da Ría de Arousa

- Anuncio -spot_img

O obxectivo é potenciar a riqueza paisaxística e ornitolóxica deste espazo, pertencente á Rede Natura 2000 e catalogado como Zona de Especial Protección Ambiental, a través da construción dunha senda peonil duns sete quilómetros

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda encargará a redacción dun proxecto integral para poñer en valor e recuperar a fachada marítima norte da Ría de Arousa coa creación dunha nova senda peonil que se converterá nun atractivo turístico máis do concello de Sanxenxo. O Goberno local, pola súa parte, comprométese a poñer á disposición da Xunta os terreos necesarios para executar este novo itinerario, paralelo á liña costeira.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, acompañada do alcalde, Telmo Martín, e da concelleira de Cultura, Paz Lago, visitou esta semana un tramo da fachada litoral do municipio pontevedrés para coñecer in situ o terreo sobre o que se executará esta actuación, dividida en varias fases.

A ruta, de aproximadamente sete quilómetros, atravesará ao longo de toda a súa extensión espazos incluídos na Rede Natura 2000, ademais dunha Zona de Especial Protección Ambiental (ZEPA). Trátase dun lugar de interese comunitario xa que forma parte dunha rede ecolóxica de áreas de conservación da biodiversidade que se estende por Europa e pertence ao convenio Ramsar da ONU por ser un hábitat de aves acuáticas. Deste xeito, a zona escollida permitirá a visitantes e veciños gozar da beleza dun entorno cun gran potencial natural e enormes valores paisaxísticos e ambientais.

Durante a visita, prestouse unha atención especial a dous puntos concretos da fachada norte da ría: o espazo onde se localiza A Telleira, con vistas á Illa da Toxa, e a zona das Lagoas, ambos dunha grande riqueza natural e que tanto a Xunta como o Goberno local queren poñer en valor para garantir o seu desfrute por parte da cidadanía.

Así, desde a punta da Fianteira ata a enseada do Bao, na Revolta, este tramo de costa reúne uns atractivos moi singulares, con outonos e invernos suaves e vistas naturais do complexo intermareal O Grove-Umia. Ademais, outro dos seus atractivos é que se trata dunha zona de avistamento de aves en calquera época do ano, especialmente en inverno.

A senda proxectada na fachada norte da ría converterase nun atractivo turístico máis deste concello litoral, que todos os veráns rexistra un importante incremento de poboación, enriquecendo aínda máis a oferta de actividades ao aire libre para dar a coñecer entre os visitantes o patrimonio natural desta zona.

Publicacións Relacionadas