HomeO CondadoAs NevesMelloras no Centro de Saúde das Neves: Un paso máis cara...

Melloras no Centro de Saúde das Neves: Un paso máis cara unha sanidade pública de calidade

- Anuncio -spot_img

O Concello das Neves celebra a finalización das obras  de reforma do centro de saúde municipal, unha actuación que mellora a accesibilidade e  a calidade das instalacións sanitarias da localidade. Este proxecto, cofinanciado ao 50 %  pola Xunta de Galicia e o Concello, contou cun investimento total de máis de 40.000  euros. 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado pola directora xeral  de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, e polo xerente  da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, supervisou recentemente as obras realizadas,  destacando o compromiso institucional que fixo posible este avance. 

O Concello das Neves xogou un papel fundamental na contratación e execución destas  obras, demostrando unha clara implicación en proxectos que priorizan o benestar da  veciñanza e reforzan a sanidade pública local. As melloras acometidas inclúen a  modernización das instalacións e a súa adaptación para garantir unha accesibilidade  plena, proporcionando un espazo máis cómodo e funcional para pacientes e profesionais. 

Ademais, o Concello das Neves xa trasladou á Consellería de Sanidade unha proposta  para habilitar unha nova área de pediatría na antiga gardería lindeira co centro de saúde.  Tras unha primeira valoración, identificáronse as modificacións necesarias para  acondicionar o espazo, que incluiría unha consulta de pediatría e unha sala de espera, coa  intención de ampliar os servizos sanitarios dispoñibles para as familias da localidade. 

O conselleiro de Sanidade comprometeuse a avaliar esta proposta coa máxima dilixencia,  destacando o seu ánimo construtivo para continuar mellorando a atención sanitaria no  municipio. 

Desde o Concello das Neves agradécese a colaboración institucional da Xunta de Galicia  para levar a cabo estas melloras, que reflicten o valor do traballo conxunto entre  administracións para atender as necesidades prioritarias da cidadanía. 

Con esta reforma, o Concello reafirma o seu compromiso cunha sanidade pública de  calidade, accesible e adaptada aos tempos actuais, coa mirada posta no benestar de toda  a veciñanza.

Publicacións Relacionadas