Faino mediante a adhesión a un convenio de catro anos de duración coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia que asume o financiamento de todos os gastos derivados da xestión e desenvolvemento dos procesos selectivos
O Pleno do Concello de Mos aprobou hoxe por unanimidade dos seus membros, en sesión ordinaria mensual, a adhesión ao convenio coa Xunta de Galicia para a asunción pola Administración da Comunidade Autonoma de Galicia da convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de Policía Local e as prazas de auxiliares de policía local.
Trátase dun convenio de colaboración entre o Concello de Mos e a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia. O convenio asínano dunha parte Diego Calvo Couso, como Vicepresidente primeiro e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia e Presidente do Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública e doutra Nidia Arévalo como alcaldesa de Mos e máxima responsable da Policía Local do municipio.
Mediante a formalización deste acordo a Xunta de Galicia asumirá a convocatoria das prazas vacantes e, de ser o caso, a formación e o período de prácticas. Para elo existe a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos mediante a asunción da convocatoria das prazas vacantes dos seus corpos de policía local, incluídas, de ser o caso, as de auxiliares de policía local ou dos postos de vixilantes municipais.
Mediante o acordo do Pleno celebrado hoxe o Concello de Mos delega na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia as competencias relativas á convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso ás diferentes categorías de seu corpo de Policía Local en quenda libre as prazas de auxiliares de policía local, por todo o tempo de vixencia do presente convenio.
Este convenio ten por obxecto instrumentar a delegación polo Concello de Mos na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia das competencias relativas á convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso a o seu corpo de policía local na quenda libre e as prazas de auxiliares de policía local.
En virtude da devandita delegación, a Administración xeral da Comunidade Autónoma asume durante o período ao que se estende a vixencia deste convenio a convocatoria e desenvolvemento de todos os procesos selectivos para as prazas da categoría de quenda libre do seu corpo de Policía local e as prazas de auxiliares de policía local, segundo as necesidades de persoal que lle sexan comunicadas polo concello.
A Administración xeral da Comunidade Autónoma asume o financiamento de todos os gastos derivados da xestión e desenvolvemento dos procesos selectivos obxecto deste convenio, con cargo aos recursos consignados nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
Este convenio ten vixencia dende a data da súa sinatura ata un máximo de catro anos de duración.




