Esta tarde celebrouse no Multiusos, coa presenza do Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, un acto conmemorativo do 8M, de honra a 12 mulleres educadoras, referentes para moitas xeracións de mosenses, que viron recoñecido o seu labor nun evento titulado “Escribamos a nosa historia”
Centos de persoas sumáronse esta tarde no Multiusos das Pozas de Mos ao acto homenaxe ás educadoras mosenses organizado polo Concello, ao que se sumou tamén o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez.
Neste evento reivindicouse o papel de 12 mulleres educadoras que contribuíron a escribir a historia deste concello desde unha perspectiva feminina. As homenaxeadas son Dolores Vila Carrera (mestra do rural), Begoña Pérez Vila (IES de Mos), Balbina Rodríguez Varela (CEIP Castro Mos e CEIP Petelos), Mª Encarnación Pérez Otero (Unitaria Dornelas e CEIP Pena de Francia), Mª Jesús Rodríguez Pérez (CEIP Atín-Cela), Yolanda Morante Morante (CEIP Atín-Cela), Mª Sol Pombo Expósito (Colegio Lar), Mª del Carmen Vázquez González (O Castro British International School), Camino Delicado Muñoz (CEIP Castro Mos e IES de Mos), Mª Luz Carballo Gaspar (CEIP Mestre Valverde Mayo), Mª de los Ángeles González Martínez (CEIP Mestre Valverde Mayo) e Teresa Castro López (CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro Mos).
Deste xeito Mos volca a súa programación do 8M en homenaxear ás educadoras locais. Mulleres referentes para moitas xeracións de mosenses, que viron recoñecido o seu labor educativo e de pioneiras, e son as protagonistas do mes de marzo.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, apuntaba no acto desta tarde que “este ano decidimos facer unha merecida homenaxe ás mulleres educadoras que durante anos foron referencia para moitas xeracións de mosenses. Mestras e profesoras fundadoras de colexios, ou primeiras directoras, xefas de estudo, etc. dos coles de Mos, e mestras que deron clases ao alumnado de infantil nas escolas unitarias ou nas súas casas, nunca época na que non se empezaba o colexio ata primaria; e que foron precursoras do apoio de conciliación para moitas familias”, explicou.
O acto enmarcouse baixo o título de “Escribamos a nosa historia”, estivo dinamizado por Estíbaliz Veiga, e foi organizado polo persoal do CIM de Mos, pertencente á concellería de Igualdade mosense, que dirixe o edil Leo Costas.
Arévalo, rexedora local mosense, informou de que o acto chámase “Escribamos a nosa historia”, “porque estas mestras foron as persoas que nos axudaron a moitos a escribir unha parte moi importante da nosa historia, apoiaron, guiaron e axudaron a crecer e inculcaron, xunto coas familias, valores que nos converteron no que somos hoxe. Mestras que foron pioneiras sendo directoras de centros educativos, xefas de estudo ou fundadoras de centros educativos referentes no eido educativo”.
Ademais a alcaldesa, Nidia Arévalo, aproveitou tamén para lembrar que mañá 8M, sábado, celebrarase a tradicional e multitudinaria Cea da Muller do Concello de Mos, que este ano se ambienta na temática dos anos 20. Precisamente esta temática está relacionada e vén derivada do eixo central dos actos conmemorativos: a educación; xa que a década de 1920 foi unha década de explosión do feminismo. Dende o ámbito da educación, María de Maeztu foi unha das pioneiras na loita en conseguir acceso á educación das mulleres. Por iso surxiu a idea de facer unha reivindicación dos dereitos acadados nesta epoca durante a cea.
En España, as mulleres comezaron a afiliarse a partidos políticos, ou sindicatos, conseguiuse o recoñecemento do voto feminino, e surxiron as primeiras mulleres en ocupar escanos no Congreso.
O programa de actos conmemorativos do 8M en Mos completarase coa Mesa redonda “Mulleres ciclistas, pedaleando cara a igualdade”- incluída na Mesa Local de La Vuelta- o 15 de marzo. O 16 marzo escenificarase a obra “As que limpan”, da compañía A Panadaría do Circuito + Escénicas da Deputación de Pontevedra. O 23 marzo terá lugar a Andaina Mulleres Rurais. E por último, o 29 de marzo o Grupo de Teatro en Igualdade do Concello de Mos representará “Monólogos” no Centro cultural social e veciñal de Herville, unha serie de monólogos cómicos que reflexionan sobre diferentes aspectos do noso día a día.




