HomeVigoMosMos inicia os trámites coa Xunta de Galicia para a reforma integral...

Mos inicia os trámites coa Xunta de Galicia para a reforma integral da estrada Porriño-Gondomar que podería estar rematada en 2026

- Anuncio -spot_img
  • A administración autonómica traballa en 3 propostas de anteproxecto que lle presentará ao Concello antes de final de ano para poder licitar a contratación do proxecto en 2025
  • A PO 331 acolle 12.500 vehículos ao día, sendo un vial estruturante e unha das vías con máis densidade de tránsito da provincia de Pontevedra, ao tratarse da principal conexión entre o Val Miñor e a A55

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Obra Pública, Camilo Grandal, e o edil mosense da parroquia de Pereiras, Leo Costas, reuníronse onte pola mañá no salón de sesións do Concello de Mos co xefe do servizo provincial de Pontevedra da Axencia Galega de Infraestruturas da consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Manuel Ángel González Juanatey, que trouxo boas novas da administración autonómica sobre a reforma integral da estrada PO 331 Porriño-Gondomar solicitada polo goberno local mosense a comezos deste ano.

O xefe de servizo informou aos representantes municipais, Arévalo, Grandal e Costas, de que a Axencia Galega de Infraestruturas comezou a traballar en 3 propostas diferentes de anteproxecto de obra, que lle serán presentadas ao Concello antes de que remate o presente ano 2024, e así desde a administración local se poida valorar e decidir cal é a máis óptima e que mellor se axusta ás necesidades e demandas da veciñanza. Tras delo, o seguinte paso sería iniciar o procedemento de licitación do contrato para a redacción do proxecto, que se espera poida producirse de cara ao vindeiro 2025 para executar e rematar a reforma integral dentro do ano 2026.

A parte máis afectada da Estrada Autonómica Porriño-Gondomar ao seu paso polo municipio de Mos é o tramo que vai desde o Cristo de Belén ao Colexio de Atín-Cela, que se trata dun tramo que supera os 2 quilómetros de lonxitude.

Neste tramo, desde a administración local mosense solicitouse un arranxo da saída no Cristo de Belén (zona de Campo de Eiró), arranxo das beirarrúas, solución a problemas en xiros e cambios de sentido na circulación indicados pola veciñanza, e rehabilitación do firme e dos afundimentos aparecidos no vial.

Agora, e ante as boas novas recibidas hoxe do representante da Axencia Galega de Infraestruturas, os membros do goberno local Arévalo, Grandal e Costas, celebran que se comece a traballar na redacción de propostas de anteproxecto global de mellora integral da estrada PO 331.

Por outra banda, rexedora local e concelleiros, avanzaron que o proxecto de reforma integral da estrada Porriño-Gondomar incluirá a renovación de todas as tuberías de canalización das redes de saneamento e abastecemento, a acometida de novas canalizacións para soterramento de liñas eléctricas e de telefonía, nova rede de pluviais, reposición do firme e instalación de nova iluminación pública con tecnoloxía led suxeita aos estándares e medidas de aforro e eficiencia enerxética, e deseño de posibles solucións para a regulación do tránsito rodado nas insterseccións existentes.

A reforma rexerase por tres liñas de actuación destacables a ter en conta: prioridade peonil, beirarrúas anchas e zonas verdes arboradas.

A PO 331 trátase dun vial estruturante cun elevadísimo volume de tráfico que acada unha media de 12.500 vehículos ao día, ao tratarse da principal conexión entre o Val Miñor e a A55. A estrada Porriño-Gondomar é unha das vías con máis densidade de tránsito da provincia de Pontevedra.

Publicacións Relacionadas