O Concello de Mos inviste cada ano preto de tres millóns de euros na limpeza, mantemento e coidado do municipio sen incrementar a taxa do lixo á veciñanza, que continúa fixada en 82,58 euros e permanece conxelada desde o ano 2012, é dicir, 14 anos sen subas. A pesar do forte incremento dos custos reais do servizo, o Goberno local decidiu unha vez máis non trasladar este encarecemento ás familias mosenses.
O custo anual do tratamento dos residuos en SOGAMA ascende a 1.700.000 euros, mentres que a taxa municipal só recada 900.000 euros. Isto significa que a taxa apenas cobre a metade do custo real do servizo, polo que a maior parte do gasto é asumida directamente polo Concello, que debe cubrir con fondos propios unha cantidade moi elevada cada ano. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliña que “é un esforzo económico moi importante para un Concello como o noso, pero cremos que é o que temos que facer para apoiar ás familias, ao comercio e á hostalería nun momento no que todo está subindo”.
O custo bruto do tratamento dos residuos supón xa o 10,6 % do orzamento municipal, que ronda os 16 millóns de euros, e só o déficit asumido polo Concello representa arredor do 5 % do orzamento total, dedicado unicamente a impedir a suba do recibo do lixo. A rexedora sinala que “poucos concellos poden dicir que manteñen a taxa do lixo conxelada desde 2012; é unha decisión política clara: preferimos axustarnos nós antes que pedirlles un esforzo adicional ás familias”.
Este compromiso mantense nun contexto no que a maioría dos municipios galegos e españois están aumentando a taxa para facer fronte ao novo imposto estatal sobre a incineración —que elevou o custo por tonelada enviada a SOGAMA de 66 a 108 euros—, á esixencia de aplicar unha taxa sostible que cubra o custo real do servizo e aos obxectivos europeos de reciclaxe, que penalizan aos concellos con cifras baixas de separación en orixe.
Deste xeito, co obxectivo de mellorar as cifras de reciclaxe e poder acollerse ao canon reducido de SOGAMA, o Concello de Mos está desenvolvendo entre novembro e xaneiro unha intensa campaña de concienciación en asociacións veciñais, centros educativos e, despois do Nadal, tamén na hostalería e no comercio local. “Se reciclamos mellor, pagamos menos; é así de simple. Cada mosense ten un papel fundamental para evitar futuras subas da taxa”, destaca a alcaldesa.
Ademais do custo estritamente vinculado ao lixo, o Concello inviste anualmente preto de 900.000 euros noutras tarefas esenciais para manter Mos limpo e coidado: limpeza viaria, servizos de Medio Ambiente e Parques e Xardíns. Sumados ao custo real do lixo, o investimento municipal total representa o 15,8 % do orzamento do Concello dedicado á limpeza, conservación e mantemento dos espazos públicos. Arévalo conclúe que “este Goberno seguirá apostando pola responsabilidade, pola concienciación e por investir na calidade de vida dos nosos veciños. É un compromiso coa veciñanza e co modelo de concello que queremos: ordenado, limpo e que coida das familias”.




