HomeVigoMosNidia Arévalo interveu hoxe en Madrid na xornada polo 90 aniversario de...

Nidia Arévalo interveu hoxe en Madrid na xornada polo 90 aniversario de La Vuelta celebrada no Senado

- Anuncio -spot_img


A alcaldesa de Mos e senadora, Nidia Arévalo, participou hoxe na xornada institucional celebrada no Senado con motivo do 90 aniversario de La Vuelta Ciclista a España, onde destacou a importancia da chegada dunha etapa ao concello de Mos como exemplo de dinamización local a través do deporte, o turismo e a proxección territorial.

Nidia Arévalo interveu na mesa redonda titulada “Cicloturismo, territorio y más allá de La Vuelta”, xunto a Jordi Torres Falcó, ministro de Turismo e Comercio do Govern d’Andorra; Lara Martínez, viceconselleira de Turismo do Principado de Asturias; Xavi Paz, alcalde de Molins de Rei; Belén Calahorro, responsable do proxecto “Pedal Spain” de ConBici; e Luis Ángel Maté, exciclista profesional. Na súa intervención, a rexedora de Mos puxo en valor a traxectoria do municipio como concello dinamizador, cun forte compromiso co deporte base e co impulso de eventos que contribúan ao desenvolvemento económico, social e cultural do territorio. Sinalou tamén o valor engadido que supón que O Camiño de Santiago na súa vertente portuguesa atravese o Concello de Mos.

“A chegada de La Vuelta a Mos é unha oportunidade única para amosar ao mundo o noso potencial como destino turístico, deportivo e humano. Somos un concello dinámico, con xente comprometida e cun territorio que ofrece todas as condicións para vivir e gozar do ciclismo de forma sostible”, destacou Arévalo.

A alcaldesa sinalou tamén que a etapa de La Vuelta que finalizará o vindeiro 9 de setembro no Castro de Herville, correspondente á etapa 16ª desta edición (Poio-Mos, de 172 quilómetros e catalogada de media montaña), non só terá impacto deportivo, senón tamén económico, xa que se agarda unha gran afluencia de visitantes, medios de comunicación e equipos deportivos, o que suporá unha importante inxección para o comercio local, a hostalaría e os servizos. Ademais, apuntou que desde o Concello xa se está a traballar na organización dun programa de actividades paralelas para que toda a veciñanza viva esta cita como unha festa colectiva.

Con esta etapa do próximo 9 de setembro, Mos segue a manter a súa especial relación coa ronda española nos últimos anos. En 2020 fora saída duna etapa que rematara en Pobra de Sanabria, acollendo en 2021 outra etapa que arrancara en Sanxenxo e rematara tamén no Castro de Herville. Cabe destacar tamén que Javier Guillén, director xeral de La Vuelta-Unipublic, será un dos valedores da Festa da Rosa deste ano.

No marco da súa intervención, Arévalo quixo subliñar o apoio recibido por parte do exciclista profesional Óscar Pereiro, campión do Tour de Francia en 2006, e que ademais de ser embaixador oficial de La Vuelta, tamén “é embaixador de Mos”. “É un orgullo contar co apoio dun deportista como Óscar Pereiro, que leva o nome de Mos con orgullo e contribúe a poñer en valor todo o que podemos ofrecer como destino”, afirmou.

Pola súa banda, o ciclista Óscar Pereiro tamén participou na mesa redonda “La Vuelta: Evolución del ciclismo profesional”, onde estivo acompañado por José Vicioso, presidente da Real Federación Española de Ciclismo; Kiko García, exciclista profesional e director técnico de La Vuelta, e que contou con Félix Jordán de Urríes, director xeral da Fundación Deporte Joven do Consello Superior de Deportes, como moderador.

A xornada, organizada polo Senado de España, a Fundación Deporte Joven e Unipublic, reuniu a destacadas voces do ámbito institucional, deportivo e turístico para reflexionar sobre o papel de La Vuelta na vertebración do territorio, a promoción do cicloturismo e o impulso do deporte profesional e de base.  Esta xornada ten como obxectivo mostrar que La Vuelta é moito máis que unha cita deportiva de traxectoria consolidada e recoñecida a nivel mundial, senón que tamén é unha fiestra excepcional do noso país, que permite poñer en valor a riqueza paisaxística, cultural e patrimonial de España.

O evento contou coa presenza do presidente do Senado, Pedro Rollán, e do presidente do Consello Superior de Deportes, José Manuel Rodríguez Uribes, así como dunha ponencia inicial de Javier Guillén que tiña por título “La Vuelta es Más-Recorrido por los 90 Años”.

Publicacións Relacionadas