• Con esta obra o colectivo reflexiona sobre a situación da lingua galega na nosa contorna.
Esta semana volvemos ter unha nova estrea teatral. Desta volta vén da man da asociación local FOCO, que estrean este sábado 14 “Inanición. A historia dunha lingua esfomeada”.
Esta obra nace deste grupo de mozos e mozas da Guarda que decidiron co-crear esta obra tras unha visita inspiradora do autor Carlos Callón presentando o seu Libro Negro da Lingua Galega.
“Inanición” encáixase no marco do proxecto europeo de FOCO, Linguas Novas. Os integrantes de FOCO din que “o proceso creativo incluíu investigación, lectura, entrevistas á veciñanza, improvisación e deseño escénico e colaborativo”.
Todo un traballo cuxo resultado poderemos desfrutar por primeira vez este sábado 14 de xuño ás 19:00h no Centro Cultural da Guarda.
FOCO reflexiona desde o escenario sobre a situación da lingua galega na nosa contorna con esta peza colectiva. O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, convida a todos e todas a acudir a esta estrea, xa que “FOCO destaca pola súa orixinalidade, pois a hai meses presentaba na praza do Reló unha obra interactiva moi diferente e que mostra a creatividade destes mozos e mozas da Guarda”.
Sobre FOCO
FOCO é unha asociación con sede na Guarda (Pontevedra) fundada por persoas procedentes de diferentes ámbitos que pretende facer avanzar o campo da educación non formal mediante proxectos formativos e creativos e iniciativas innovadoras.
Con actividades relacionadas co teatro e a representación teatral tentan facer chegar á xente nova os valores democráticos, mais tamén medioambientais, de cooperación e convivencia…




