Luís Bará critica a parálise do proxecto pontevedrés por parte do goberno do PP a pesares de ser estratéxico: “É unha mostra da incompetencia de Rueda”
A ampliación do polígono do Campiño e a reactivación de Fragamoreira serán unha realidade nos tres primeiros meses do BNG na Xunta. Ese foi o compromiso que o cabeza de lista do Bloque por Pontevedra, Luís Bará, realizou nunha visita ao parque pontevedrés, asegurando que a capital e a área de influencia da provincia precisan máis solo para o seu desenvolvemento económico e industrial. “É unha aposta decida do BNG en favor de Pontevedra fronte aos atrancos e a parálise do Partido Popular, que foi incapaz de desenvolver estes dous parques que figuran como estratéxicos e prioritarios, xa que a día de hoxe aínda non iniciada a tramitación”, asegurou.
“O goberno do BNG será un aliado do desenvolvemento de Pontevedra e o motor da reactivación económica, tecnolóxica e industrial de Galiza”, insistiu, asegurando que dende o minuto un do goberno do Bloque “activaremos o Campiño en colaboración co Concello de Pontevedra para poñer no mercado 400.000 metros cadrados, dos que 206.000 serán terreos edificables. Farémolo coa máxima axilidade aproveitando a existencia na zona de servizos de auga e tecnolóxicos e tamén a futura comunicación coa A57, a AP9 e co polígono de Barro”.
Ambas actuacións, Campiño e Fragamoreira, subliñou o cabeza de cartel, suporán a posta a disposición de 800.000 metros cadrados, que servirán para aliviar a situación de “estrangulamento” de solo industrial que sofre a área de Pontevedra, xa que o Campiño está ao límite da súa total ocupación nestes momentos e que os parques de Curro e A Reigosa teñen un nivel moi alto.
Bará criticou que a execución da ampliación do Campiño é un proxecto paralizado polo Partido Popular na Xunta dende hai “demasiado tempo”: freando as propostas de crecemento plantexadas polo Concello de Pontevedra coas modificacións do seu planeamento dende hai máis de 15 anos e, na última década, deixándoo no caixón a pesares de ser cualificado como estratéxico –ao igual que Fragamoreira- no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na comunidade autónoma de Galicia (PSOAEG).
Sobre Fragamoreira destacou que os ‘populares’, “por sectarismo”, só sacaron do caixón o proxecto recentemente, dende que gobernan no Concello de Poio, e non antes, cando a Alcaldía era do BNG. Bará fixo fincapé en que “este é un bo exemplo de incapacidade e incompetencia de Rueda porque no Plan Sectorial de 2014 prevían estes parques como estratéxicos para o período 2015-2024. Estamos en 2024, pasaron 10 anos e non se moveu nin unha pedra”, insistiu o nacionalista.
Pola súa banda, o alcalde Fernández Lores, quen xunto a outros concelleiros e persoal orgánico do Bloque acompañou a Bará na visita ao polígono, manifestou o seu convencemento de que “xa que o PP non fixo nada no Campiño en todos estes anos, farao o BNG cando chegue Xunta, porque é un tema que ten prioridade para as pontevedresas e pontevedreses”.
Fernández Lores lembrou que a ampliación é un tema “falado xa con Rueda” en moitas ocasións. Advertiu que en febreiro de 2023 mandouse a última solicitude para que dende a Xunta sacaran a execución, aínda que fose por fases, sen que polo de agora non haxa resposta algunha. Criticou o rexedor do Lérez que o parque de Fragamoreira, que está no mesmo plan de polígonos industriais estratéxicos, estea agora máis avanzado “porque goberna o PP en Poio, mentres que aquí non moveron nada e tiveron tempo para facelo”, criticou.
“Levamos máis de 15 anos pedindo a execución da ampliación do Campiño cara a Pontevedra, que está recollida nos instrumentos de ordenación territorial que o Concello ten no planeamento e que botou abaixo a Xunta de Galicia reiteradamente. Tiveron que recoñecer que amplialo era estratéxico e tiña que estar executado xa. Pedimos expresamente ao presidente e non temos nin contestación oficial. É un desleixo absoluto”, insistiu o nacionalista.




