Lucía Santos lembra que o BNG leva anos denunciando a suciedade de Marín: “Xa en 2022 presentamos unha moción para mellorar a limpeza, na que falabamos de que un dos sinais de identidade do noso concello con este equipo de goberno era a suciedade das rúas”.
Santos destaca que “neste verán chegouse a unha situación límite debido á deixadez do PP, que agora anuncia un “zafarrancho de chorreos de limpeza” no que se van gastar 25.000€, un despilfarro innecesario de existir unha limpeza continuada.”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) considera que a campaña extraordinaria de limpeza viaria anunciada polo Goberno local, cun custo de 25.000€, non responde a unha estratexia seria de mantemento urbano, senón a unha reacción improvisada diante das queixas crecente da veciñanza. Para a formación nacionalista, esta iniciativa confirma a incapacidade do executivo para garantir un servizo ordinario, estable e constante ao longo do ano.
A portavoz municipal, Lucía Santos, advertiu que “o que o Goberno vende como unha campaña excepcional non é máis que a constatación da súa deixadez. Non se pode esperar a que a situación sexa insostíbel para gastar 25.000€ nunha actuación puntual, cando o problema real é a falta de limpeza continuada en Marín”.
Desde o BNG lembran que xa no ano 2022 presentaran unha moción no pleno municipal reclamando un plan integral de limpeza viaria. A proposta incluía campañas de concienciación e sensibilización cidadá, unha planificación periódica en todas as rúas e barrios, protocolos de actuación rápida ante incidencias e un reforzo no mantemento de contedores, mobiliario urbano e espazos públicos. “Aquel plan segue plenamente vixente porque nada mudou: seguimos con rúas sucias e unha imaxe que non está á altura do que Marín merece”, subliñou Santos.
A nacionalista tamén rexeitou as explicacións do Goberno local, que vinculou a campaña extraordinaria ás condicións meteorolóxicas tras o verán seco. Ao seu xuízo, “non se pode escudar a inacción en factores externos cando o problema da limpeza é unha evidencia reclamada pola veciñanza desde hai tempo”.
Para o BNG, o problema de fondo non se resolve con actuacións puntuais nin con limpezas de escaparate, senón cun compromiso global e continuado. “O que a veciñanza demanda non é unha campaña excepcional, senón vivir nunha vila limpa e coidada en todos os espazos, tamén nos barrios e parroquias que adoitan ser esquecidos”, engadiu Santos.




