O Bloque propón a creación de Consellos Veciñais para garantir unha xestión municipal equitativa e participativa
Critica que o Goberno municipal de Abel Caballero insista en concentrar o investimento “en actuacións monumentais para grandes inauguracións” mentres impón o abandono da meirande parte do territorio
Xabier P. Igrexas: “Ten que deixar de haber vigueses e viguesas de segunda, utilizando os recursos do Concello para atender toda a cidade e dar resposta ás necesidades da veciñanza viva onde viva”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo esixe ao Goberno municipal, liderado por Abel Caballero, un cambio radical na xestión da cidade para poñer fin á política de centralización que, segundo denuncian, prioriza grandes proxectos nalgúns ámbitos do casco urbano mentres abandona as necesidades dos barrios e parroquias. A formación nacionalista propón unha descentralización efectiva mediante a creación de Consellos Veciñais de Barrios e Parroquias, que permitan á cidadanía participar directamente na toma de decisións e na definición de investimentos a través dun modelo de orzamentos participativos.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, criticou duramente a visión “estreita” do actual goberno, que, segundo as súas palabras, “insiste en reducir Vigo á súa améndoa central, como se evidencia no novo Plan Xeral, deixando os barrios e parroquias relegados a unha periferia desatendida”. Esta política, segundo o BNG, tradúcese nunha “perversa concentración” de recursos en proxectos monumentais, mentres moitas zonas da cidade carecen de servizos básicos como beirarrúas ou dotacións esenciais. “É indefendíbel que se anuncien proxectos millonarios para grandes inauguracións mentres hai camiños sen urbanizar e amplas zonas sen os servizos máis básicos”, engadiu.
Facer cidade desde os barrios
Igrexas defende que Vigo debe entenderse como “unha vizosa confederación de barrios e parroquias”, onde toda a cidadanía teña os mesmos dereitos “viva onde viva”. Para iso, a fronte nacionalista propón activar o previsto no Regulamento de Participación Cidadá e crear Consellos Veciñais que actúen como espazos de participación directa para o tecido asociativo e a veciñanza. Estes consellos terían a función de definir prioridades de investimento e garantir que os recursos municipais cheguen a todas as zonas da cidade, rematando co “abandono histórico” de moitos barrios.
“Queremos que os barrios e parroquias decidan as actuacións do Concello, poñendo fin á política caprichosa do ‘aquí mando eu’ e á xordeira autoritaria destes anos”, declarou Igrexas. O portavoz insistiu en que unha maior participación cidadá é chave para mobilizar os recursos da cidade de forma equitativa e evitar que ningún goberno, por ampla que sexa a maioría absoluta que o sostén, “teña o atrevemento de virarlle as costas á veciñanza”.
Orzamentos participativos
A proposta do BNG inclúe a implementación dun modelo de orzamentos participativos que dea voz ao tecido asociativo e a veciñanza na planificación dos investimentos municipais nos diferentes barrios e parroquias. Esta medida, segundo apuntou Igrexas, aseguraría que ningunha zona de Vigo quede sen atención durante anos, como ocorre actualmente. “Se os barrios teñen voz e capacidade de decisión, as súas necesidades serán atendidas”, subliñou Igrexas, quen criticou os “grandes anuncios e promesas incumpridas” do goberno de Caballero.
O BNG apela a construír Vigo “desde abaixo, a pé de rúa”, onde os recursos se distribúan de forma xusta e onde a participación cidadá sexa o motor dunha xestión municipal “ao servizo de toda a cidade”. Nese sentido, instan ao Goberno municipal a abandonar a lóxica das inauguracións grandiosas e a priorizar as necesidades reais da cidadanía en todo o territorio vigués.




