Advirte de que estes incumprimentos legais poden dan lugar á anulación do Plan e da indefensión para a veciñanza, que recibiu a comunicación superado o prazo para reclamación xudicial
Esixe o alcalde que se notifiquen de acordo á lei, reclama a comparecencia da concelleira de Urbanismo e vai trasladar denuncia na Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística
Xabier P. Igrexas: “Caballero acabou de cruzar todas as liñas vermellas tratando as alegacións como papel hixiénico para impoñer o seu PXOM ao ditado dos poderosos intereses de sempre”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia graves irregularidades na resposta enviada polo Goberno de Abel Caballero ás máis de 4.500 alegacións formuladas ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo. A fronte nacionalista advirte de que estes incumprimentos legais poden dan lugar á anulación do documento urbanístico e da indefensión para a veciñanza, que recibiu a comunicación superado o prazo para realizar unha reclamación xudicial.
“As notificacións que se están a remitir son unha verdadeira tomadura de pelo e unha aberración do punto de vista administrativo”, valorou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, cualificando ademais de “inxustificada e ilegal” a demora na comunicación cando transcorreron case 6 meses dende a aprobación definitiva do PXOM e máis 1.400 días dende que finalizou o período de información pública.
A veciñanza que formulou alegacións vén de recibir un correo electrónico como resposta que, alertan dende o Bloque, non contén ningún documento oficial nin está asinado por ningunha autoridade competente, como a concelleira de Urbanismo, María José Caride. “Non está debidamente numerado, non identifica o órgano resolutor nin ten data de resolución, só a firma do Xerente de Urbanismo”, cuestionou Igrexas. Tachou a ese respecto de “mailing fake” a notificación, asegurando que incumpre a normativa por ser enviada dende un correo electrónico xenérico en lugar de realizalo a través da sede electrónica oficial do Concello.
Sen resolución motivada
En relación ao contido das respostas, o portavoz nacionalista alertou de que “se limita a copiar e pegar” o extracto do informe técnico elaborado pola equipa redactora, que foi previo á aprobación provisional e, polo tanto, puido ver alterado o seu contido durante a tramitación final do Plan. Igrexas lembrou que a lei estabelece que estas resolucións deben estar motivadas e ademais deben corresponderse co documento definitivo.
Un “novo incumprimento legal” na tramitación do Plan Xeral que, a xuízo da fronte nacionalista, vulnera a Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, os requisitos formais dos actos administrativos e as esixencias para que unha notificación sexa válida. Aliás, incumpre o recollido na Lei do Solo de Galiza no referido a como se debe tramitar un planeamento urbanístico.
Neste sentido, Igrexas subliñou que existe reiterada xurisprudencia por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e do Tribunal Supremo que esixe que todas as resolucións, que decidan sobre pretensións formuladas nun procedemento como é o caso do PXOM, deben cumprir os requisitos formais mínimos para ser consideradas válidas e eficaces.
Por outra banda, o BNG denunciou que esta comunicación xera unha “clara indefensión” á veciñanza que presentou alegacións, porque se realizou despois de que finalizase o prazo legal para presentar reclamación pola vía contencioso-administrativo, que expirou o pasado 3 de novembro. “É unha evidente vulneración do dereito fundamental á tutela xudicial efectiva, recoñecido no artigo 24 da Constitución”, afirmou.
Dar lugar a anulación do Plan Xeral
Estas irregularidades graves coas alegacións xeran tamén inseguridade xurídica sobre o propio planeamento, alertou o portavoz do Bloque, xa que “poden dar lugar á anulación ao debilitar a trazabilidade do procedemento e dar causa motivada para impugnar” o documento urbanístico. Por este motivo, Igrexas avanzou tres accións “concretas e inmediatas” por parte do BNG diante do que volveu cualificar como unha “tramitación opaca e na escuridade dos despachos” do Plan Xeral.
A fronte nacionalista vai remitir un escrito dirixido o alcalde de Vigo, Abel Caballero, como presidente do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, para advertirlle destas irregularidades e esixir que se tramiten novas notificacións de resposta ás alegacións axustada á lei. Por outra banda, o Bloque reclama a comparecencia da edil de Urbanismo para explicar “este desastre” e, ademais, vai formular denuncia por estes feitos perante a Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística.
“Nunca antes un Goberno municipal se atrevera a chegar tan lonxe no incumprimento da lei en relación á política urbanística”, lamentou Igrexas, asegurando que o goberno de Abel Caballero “acabou de cruzar todas as liñas vermellas na súa xestión opaca e absolutamente antidemocrática tratando as alegacións veciñais como papel hixiénico para impoñer ás bravas un PXOM elaborado ao ditado dos poderosos intereses de sempre”.




