HomePontevedraO BNG de Vigo pide designar a Porta do Sol como ‘Lugar...

O BNG de Vigo pide designar a Porta do Sol como ‘Lugar de Memoria’ para honrar as vítimas do franquismo

- Anuncio -spot_img

Demanda a instalación dunha placa explicativa no lugar no que o 20 de xullo de 1936 os golpistas proclamaron o Estado de Guerra e dispararon contra a veciñanza causando máis de 20 mortes e medio cento de persoas feridas

A fronte nacionalista insta a constituír unha Comisión para a Memoria Democrática no Concello desde a que avanzar na retirada de toda a simboloxía fascista, a principiar pola cruz franquista do Castro

Xabier P. Igrexas: “A memoria democrática é o mellor antídoto á amnesia, a máis potente vacina contra o virus do odio que alenta, aínda a día de hoxe, a dereita ultraespañolista e reaccionaria”

Após se cumprir onte o 89º aniversario da lectura do bando que proclamou en 1936 o Estado de Guerra na Porta do Sol de Vigo, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) instou ao Goberno municipal a designar a praza como ‘Lugar de Memoria’. A proposta inclúe a instalación dunha placa explicativa que sirva para recordar e homenaxear a resistencia da cidade que se configurou como un dos bastións da loita antifascista en Galiza.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, recordou que “naquel 20 de xullo, o Capitán Carreró Vergés, diante do rexeitamento popular deu orde de abrir fogo contra a veciñanza, provocando máis de 20 mortes e medio cento de persoas feridas”. Este acto foi o inicio dunha represión que causou preto de 10 mil vítimas en Galiza e catro décadas de brutal represión.

“A memoria democrática é o mellor antídoto á amnesia, a máis potente vacina contra o virus do odio que alenta, aínda a día de hoxe, a dereita ultraespañolista e reaccionaria”  afirmou Igrexas.

Crítica á xestión municipal

O portavoz municipal nacionalista criticou a actitude do Goberno municipal de Abel Caballero, que se negou a avanzar na recuperación e visibilización da memoria histórica na cidade. Un exemplo desta inacción foi impedir a retirada da cruz franquista do Castro, inaugurada polo propio ditador na, daquela denominada, praza da División Azul. “Temos que lamentar que o Goberno municipal de Abel Caballero se teña negado a avanzar na recuperación e visibilización da memoria, con decisións infames como impedir a retirada da cruz franquista do Castro”, declarou Igrexas.

O BNG propón a creación dunha Comisión para a Memoria Democrática no Concello de Vigo, con dous grandes obxectivos: avanzar na retirada completa de toda a simboloxía franquista e impulsar a recuperación da memoria histórica. “Non abonda con realizar cada ano un pequeno acto ritual de recoñecemento en Pereiró”, afirmou Igrexas.

“A mellor homenaxe a Emilio Martínez Garrido, a José Antela Conde e a tantos e tantas asasinadas e represaliadas polo fascismo, é actuarmos para retirar da nosa cidade todos os vestixios e símbolos dos seus asasinos que permanecen nas nosas rúas e edificios públicos”, subliñou.

Para Igrexas facer da Porta do Sol un Lugar de Memoria é “un acto de dignidade democrática e un primeiro paso imprescindíbel para retomar con determinación o camiño da verdade, xustiza e reparación”.

Publicacións Relacionadas