HomePontevedraO BNG esixirá no Pleno de Vigo máis recursos contra a violencia...

O BNG esixirá no Pleno de Vigo máis recursos contra a violencia machista fronte ao negacionismo e os recortes

- Anuncio -spot_img

Traslada unha moción na que reclama da Xunta de Galiza e do Concello un reforzo das políticas e dos servizos públicos destinados á atención e protección das mulleres

Pide máis medios no CIM de Vigo, crear dous novos centros, un programa de apoio ás vítimas e despregar o prometido Plan municipal para a abolición da prostitución

Ana Martínez: “Negar a violencia machista é violencia machista”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe máis recursos contra a violencia machista en Vigo fronte ao crecente negacionismo e as políticas de recortes e privatizacións dos servizos públicos de atención ás vítimas. Ás portas do 25N, a fronte nacionalista traslada unha moción ao Pleno municipal, convocado na véspera do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres, cunha batería de medidas para reclamar máis compromisos da Xunta de Galiza e do Concello no combate do machismo.

“O BNG reivindicamos máis feminismo, máis recursos e máis servizos públicos”, resumiu a concelleira nacionalista Ana Martínez, quen defendeu que “negar a violencia machista é violencia machista”, lema da campaña do Bloque este 25N. “Os crecentes discursos negacionistas, que pretenden reducir a violencia machista a meros conflitos privados, son un perigo real para as mulleres, para todas nós”, alertou.

Martínez criticou tamén a “precarización, privatización e carencia” de servizos públicos de atención e protección das mulleres, asegurando que son “obstáculos reais” para loitar contra a violencia machista. Por este motivo, cargou contra os recortes orzamentarios e de persoal aplicados nos últimos anos polo Goberno galego do PP —evidenciados recentemente polo Consello de Contas no seu Informe de fiscalización sobre esta materia—  esixindo un incremento dos medios para a prevención e combate da violencia contra as mulleres.

Dous novos CIM

A moción do BNG recolle a ese respecto a demanda de aumentar a contribución da Xunta no Centro de Información á Muller (CIM) de Vigo, dotándoo de traballadoras a xornada completa.  Nesa liña, as nacionalistas piden crear dous novos centros nos barrios de Teis e Coia, en colaboración co Concello de Vigo, para aumentar a capacidade de acción actual e achegar este servizo a todas as mulleres da cidade.

A concelleira do Bloque esixiu tamén do Goberno de Rueda que devolva á xestión pública os centros de crise 24 anos que, afirmou, nunca debeu ser privatizada. “A loita contra a violencia machista non pode estar en mans de empresas multiservizos; a protección e o acompañamento das mulleres vítimas de violencia machista non pode ser un negocio nin unha fonte de lucro”, defendeu.

Programa de apoio ás vítimas e abolición da prostitución

As iniciativas nacionalistas inclúen tamén compromisos para o Goberno local de Vigo, como aumentar os recursos dedicadas a campañas de sensibilización contra a violencia machista que, criticou Martínez, son hoxe menos do que gasta Alcaldía en atencións protocolarias. Aliás, propoñen a posta en marcha un novo Programa municipal de Apoio ás Vítimas para reforzar os recursos na atención das mulleres.

Sobre o prometido Plan para a abolición da prostitución, anunciado pola concelleira de Igualdade en setembro de 2024, a concelleira do BNG lamentou que despois dun ano siga sen contar con recursos económicos para a súa posta en marcha. “Unha cidade feminista, progresista e defensora dos dereitos humanos non pode permitir que siga habendo mulleres que sufran esta violencia nin homes que a exerzan con total impunidade”, subliñou.

Dende o Bloque pediron un acordo unánime da Corporación para trasladar un compromiso firme na loita contra o machismo, recollendo o “clamor e demandas” do movemento feminista. Nesa liña, chamaron á veciñanza da cidade a participar de forma masiva na manifestación convocada este vindeiro 25 de novembro, ás 20 horas dende Vía Norte con Urzáiz, para “amosar que Vigo quere ser unha cidade libre de violencia machista”.

Publicacións Relacionadas