HomePontevedraO SalnésO BNG levará ao pleno municipal ordinario de xullo a problemática do...

O BNG levará ao pleno municipal ordinario de xullo a problemática do aumento dos prezos das vivendas en alugueiro

- Anuncio -spot_img

O grupo municipal do BNG presentará no vindeiro pleno municipal de xullo unha moción relativa ao aumento dos prezos da vivenda en alugueiro no noso municipio e a problemática que afecta á crecente oferta de alugueiros turísticos en lugar do alugueiro tradicional.

O acceso á vivenda, como ben esencial e un dereito social, está a constituír un dos principais problemas en Vilagarcía, xa que impide o asentamento de mocidade e familias pola converxencia de varios factores, como son o continuado encarecemento dos alugueiros, que aumentaron o seu prezo no conxunto decidades galegas entre 20.000-50.000 habitantes nun 46,8% nos últimos dez anos-, a reducida oferta de vivendas dispoñibles para alugueiro residencial, e o avance imparable do fenómeno especulativo da proliferación de vivendas para uso turístico na nosa cidade, que xa acadan as 466, ao que se une a ausencia dun parque de vivenda pública e social pola inacción da Xunta de Galicia.

Os gastos en aluguer xa se achegan ao 24% da renda media familiar, e o prezo medio de mercado, segundo informe do portal inmobiliario Idealista, situouse en abril deste ano nos 6,9€/m2, un 1,78% máis que no mesmo mes de 2020.

Afalta de oferta de vivenda para alugueiro residencial semella vinculada á proliferación de pisos turísticos nunha tendencia que vai en aumento. A inacción da Xunta de Galicia, con plenas competencias en materia de vivenda provoca que Vilagarcía careza a día de hoxe de parque de vivenda social. Tampouco o Goberno de España contribúe, ao se negar, na práctica, a destinar as vivendas das que é titular a SAREB a usos sociais, e poñer freo ás prácticas de acoso inmobiliario contra poboación vulnerable como a que empezan a padecer a veciñanza. Exemplo disto último é a non renovación do contrato de aluguer a persoas maiores coa finalidade de destinar a vivenda a uso turístico, moito máis rendible.

O BNG proporá instar á Xunta de Galicia e ao Goberno español a cooperar e, no exercicio das súas competencias, adoptar as medidas necesarias para frear o aumento dos prezos da vivenda en alugueiro, facilitar o acceso social á vivenda, e despregar a promoción pública de vivenda na nosa vila.

Canto ao goberno municipal, monitorizar a evolución do mercado inmobiliario da cidade e iniciar o estudo da posibilidade de declarar Vilagarcía zona tensionada no mercado da vivenda, a efectos de poder despregar as medidas legalmente previstas para frear o aumento continuado dos prezos do alugueiro, así como a elaboración dunha ordenanza municipal para o regulamento das vivendas de uso turístico (VUT) e axilizar a planificación en detalle das figuras urbanísticas incluídas na revisión do PXOM e que se prevexa que sexan destinadas maioritariamente á promoción de vivenda protexida.

Outras medidas que propón o BNG son que o Concello poña en marcha un plan municipal de facilitación de alugueiro, polo que asuma e responda polos avais e seguros que están esixindo os propietarios de cara a subscribir contratos de alugueiro, así como unha liña de axudas para anticipar os pagos das fianzas e permitir a súa devolución en 24 meses sen xuros, destinada especialmente á mocidade.

Publicacións Relacionadas