O deputado Paulo Ríos visitou a zona afectada e levou ao Parlamento galego as queixas veciñais polos atrasos, os vertidos recorrentes e as parcelas que seguen abertas tras máis de dous anos de obras
O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento galego, Paulo Ríos, visitou recentemente as obras de saneamento do río Lameira, en Marín, para coñecer o seu estado e os problemas que están a causar na veciñanza.
Estas actuacións acumulan xa máis dun ano de atraso e teñen xerado diversas denuncias por contaminación ambiental ante o Servizo de Protección Ambiental (SEPRONA), segundo leva advertindo o grupo municipal do BNG, que reclama desde hai meses solucións ao goberno local do Partido Popular (PP).
O BNG lembra que xa en marzo deste ano, coincidindo coa data inicialmente prevista para rematar as obras, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez (PP), recoñeceu publicamente os atrasos e comprometeuse a executar os peches das parcelas afectadas en canto mellorase a climatoloxía. “Pasaron seis meses e nada mudou: os traballos seguen paralizados”, sinalou a formación nacionalista.
Ante esta situación, o deputado nacionalista rexistrou no Parlamento galego unha serie de preguntas dirixidas á Consellería de Medio Ambiente para que se adopten medidas urxentes que poñan fin aos problemas derivados das obras inacabadas, en especial na contorna do CEIP Sequelo, onde varias parcelas permanecen abertas e sen muros de delimitación dende hai máis de dous anos, afectando á seguridade estrutural e á privacidade das persoas propietarias.
Ademais, Ríos instou a Augas de Galiza a actuar para evitar novos vertidos ao río Lameira, episodios que — segundo o BNG— veñen producíndose de forma recorrente. O deputado reclamou tamén que se acelere a execución das obras antes da chegada do mal tempo propio do outono, para minimizar o impacto ambiental e social dun proxecto que acumula atrasos reiterados.




