Ante a falta de transparencia de Telmo Martín, os nacionalistas remiten un escrito á Delegación Territorial da Xunta para que aclare se os traballos contan con todos os permisos e se se están a tomar medidas para protexer o castro catalogado nas inmediacións do campo de San Roque
O Bloque tamén se fai eco das inquedanzas e do malestar que está a provocar a maneira de proceder do Goberno local entre moitos veciños e veciñas de Portonovo
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo vén de remitir un escrito á delegación provincial de Patrimonio en Pontevedra, solicitando información sobre a obra que o Concello está a acometer na contorna de Caneliñas en Portonovo, que vai desde as inmediacións do mirador da Peixeira ata o campo de San Roque. En concreto, o grupo da oposición quere confirmar se o Goberno local do Partido Popular solicitou ao departamento dependente da Xunta de Galicia os informes e autorizacións pertinentes para a execución da actuación, toda vez que nesta zona existe un castro catalogado e protexido.
No documento remitido á institución autonómica, o Bloque lembra que as obras, que deron comezo no outono do ano pasado, conlevan grandes movementos de terra, nunha zona moi próxima ao devandito castro. Tal e como explica o voceiro nacionalista, Fran Leiro, “non hai constancia de que a actuación estea supervisada por algún arqueólogo ou arqueóloga”, de ahí que o BNG solicite a Patrimonio que confirme seestes traballos contan con esa supervisión e con todos os informes favorables. Ademais, desde o grupo nacionalista tamén se insta á Delegación Territorial a que aclare se ten previsto supervisar esta obra e que medidas está a tomar para protexer o castro catalogado nas proximidades do campo de San Roque.
Os nacionalistas decidiron dirixirse directamente a Patrimonio ante a falta de transparencia protagonizada, unha vez máis, polo Goberno de Telmo Martín. Unha opacidade informativa que non se limita exclusivamente ao resto de grupos da Corporación municipal, senón tamén cara a veciñanza. Neste sentido, desde o BNG lembran que existe unha grande preocupación entre un gran número de residentes na contorna de Caneliñas ante esta obra, tal e como quedou patente na asemblea veciñal celebrada neste mesmo mes de febreiro para abordar o estado das obras. Unha xuntanza na que estiveron representantes do Bloque, pero á que non acudiu nin o alcalde nin ningún outro membro do Goberno local. Unha proba máis de que “o señor Telmo Martín non escoita nin ten en conta as necesidades e as inquedanzas da xente cando se trata de seguir promovendo políticas de cemento e formigón”, indican os nacionalistas.
Algunhas cuestións que preocupan a moitas das persoas que participaron nesta reunión teñen que ver coa situación das prazas de estacionamento e dos accesos aos garaxes particulares. Ademais, tampouco convence a utilización de grandes bloques de formigón mesturados coa pedra, moles que se emprazan xusto enriba das beirarrúas. O BNG recorda que a presión veciñal xa resultou decisiva para que se modificase o proxecto orixinal, impedindo que se cambiase de emprazamento a escultura da Peixeira, obra de Alfonso Vilar que leva 30 anos formanto parte deste mirador que se sitúa entre a praia de Caneliñas e o porto de Portonovo.
“O señor Martín segue coa súa liña de promover políticas de cemento que non melloran a calidade de vida dos veciños e veciñas de Sanxenxo, actuando, ademais, cunha falta de transparenciamoi preocupante, pero que non vai impedir que continuemos co noso traballo de fiscalización, en defensa dos dereitos e das inquedanzas da veciñanza”, conclúe Fran Leiro.




