HomePontevedraA LamaO concello da Lama, a través do Plan Revitaliza, pon en marcha...

O concello da Lama, a través do Plan Revitaliza, pon en marcha o composteiro comunitario para uso do colexio lamense

- Anuncio -spot_img

Os refugallos do comedor escolar servirán de base para obter a compostaxe que se destinará a un horto ecolóxico que abonará o alumnado dentro dunha experiencia pedagóxica

Mestres composteiros do Plan Revitaliza en colaboración con operarios do Concello da Lama puxeron están poñendo en marcha o composteiro comunitario no colexio da Lama que será o encargado de transformar os refugallos do comedor escolar en compost para ser usado nun horto ecolóxico que prepararán os alumnos deste centro educativo como actividade formativa e pedagóxica.

Estas instalacións, ubicadas no entorno do colexio, forman parte da implantación do Plan Revitaliza sobre compostaxe que está realizando o Concello da Lama e que conta co apoio financeiro da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

No proceso de posta en marcha do composteiro comunitario do colexio colaboraron tamén os operarios municipais transportando o aporte de estruturante que se ubicou na parte inferior deste contedor de gran porte que será o encargado de interactuar cos residuos aportados polo comedor para ser transformados en compost de alta calidade ecolóxica.

O concelleiro encargado da implantación deste proxecto medioambiental, Daniel Vidal Durán, lembrou á cidadanía de que todavía é posible facerse con algún dos 200 composteiros individuais que forman parte desta iniciativa. Aínda que non quedan moitos, o edil cre que se esgotarán tan pronto como entre en funcionamento o feito para o comedor escolar xa que os “cativos teñen gran capacidade de arrastre entre as súas familias para animalos a instalar nas súas casas un destes composteiros que fan un gran servizo e axudan a activar a concienciación cidadá en materia medioambiental”.

Daniel Vidal lembra que para poder inscribirse neste proxecto, aquelas persoas interesadas en participar deben estar empadroadas no concello da Lama e poden dirixirse ás dependencias municipais no Consistorio ou chamar ao teléfono 986 768 238.

Os requisitos de participación, tanto para os interesados que se inscriban no punto informativo como aqueles que contacten co Concello da Lama, son facilitar o nome, apelidos, DNI, enderezo e referencia catastral da vivenda. Tamén deben dispor dun espazo de horta e/ou xardín de superficie aproximada duns 50m2 e deben comprometerse a facer un uso responsable do composteiro cedido e a facilitar o seguimento por parte dos técnicos especialistas na materia. A selección de participantes para poder optar a un dos 200 composteiros individuais é por rigorosa orde de solicitude.

Publicacións Relacionadas