O Concello de Bueu vén de poñer en marcha un Servizo de Atención Temperá (SAT), cuxo obxectivo é promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións á poboación infantil de 0 a 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, e á súa familia e contorna, co fin de facilitar a súa autonomía persoal e a inclusión. Precisamente, e co obxectivo de informar á cidadanía, este mércores, 28 de setembro, organízase unha charla aberta ás 19.00 horas no Centro Social do Mar.
Os servizos serán ofrecidos polo equipo SAT Bueu, que conta cun logopeda, unha fisioterapeuta e unha psicóloga con formación e experiencia no desenvolvemento infantil. Segundo destaca Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social, “a idea é detectar trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos en nenos e nenas de 0 a 6 anos”, aínda que o acceso ao servizo debe facerse dende pediatría do/a menor.
Este servizo finánciase no marco da Rede galega da atención temperá, co apoio da Unión Europea no Programa Operativo FES Galicia 2014-2020. As persoas interesadas en obter máis información poderán contactar a través do teléfono 623292191 ou no enderezo electrónico bueusat@gmail.com.
O Concello de Bueu leva moitos anos implementando políticas sociais, a través das que se apoia a todas as persoas e se atenden diversas dificultades económicas. Para iso se puxeron en marcha obradoiros de memoria para fomentar o envellecemento activo, ademais de contar cun programa de apoio psicolóxico ao menor, entre outras iniciativas.




