HomeTabeirósCerdedo - CotobadeO Concello de Cerdedo-Cotobade aborda o acondicionamento de cunetas na estrada entre...

O Concello de Cerdedo-Cotobade aborda o acondicionamento de cunetas na estrada entre Quireza e Piñeiro

- Anuncio -spot_img

• Esta nova actuación favorece a mellora da seguridade vial e amplía o sistema de drenaxe e canalización de pluviais na zona
A empresa adxudicataria dos traballos de acondicionamento de cunetas na estrada Quireza-Piñeiro comezou esta mañá os labores previos á intervención a desenvolver, supervisada pola dirección de obra e pola tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro.
Esta actuación, que conta cun orzamento total de 17.726,50 euros, contempla o revestimento con formigón dun tramo existente duns 345 metros de lonxitude e que na actualidade está feita en terra coa intención de facilitar a mellora da seguridade vial e ampliar o sistema de drenaxe e canalización de pluviais na zona.
Os traballos consistenten na realización de desbroce, limpeza e desentullo, perfilado e refino de cuneta de sección triangular de 100 centímetros de anchura e 20 cm. de profunididade, cunha capa de formigón en masa. Esta sección é a mesma que a sección de cuneta do tramo anterior ao núcleo de Piñeiro.
Tamén se levarán a cabo labores de reparación dos pasos salvacunetas existentes no tramo e a creación dun novo paso para facilitar o acceso ás findas lindeiras situadas na marxe dereita no sentido da estrada Piñeiro a Quireza.
O Concello de Cerdedo-Cotobade está levando a cabo unha serie de actuacións de acondicionamento de camiños e estradas no municipio tanto no núcleo urbano como no rural co fin de mellorar as condicións de uso e características dos mesmos e permitir unha maior comodidade e seguridade para os veciños e familias, usuarios destas vías.
A actuación neste tramo da estrada Quireza-Piñeiro xustifícase en que as cunetas existentes en ambas as dúas marxes son en terra polo que as veces prodúcense desprendementos que ocasionan atrancos e desbordamentos nas devanditas cunetas. Asimesmo, a presenza de vexetación impide que o seu funcionamento sexa correcto. Para evitar estas situacións e proporcionar un mellor funcionamento ademais de impedir danos á propia estrada optouse por unha solución a través do revestimento en formigón para obter un mellor funcionamento hidráulico, maior durabilidade e aforro no seu mantemento.
Así, o modelo escollido para a cuneta ademais de canalizar as augas da escorrentía permitirá facelas transitables ao posibilitar que os vehículos poidan utilizalas en caso de ser necesario, circunstancia que se produce con frecuencia, xa que o ancho do vial é de tan so 4 metros.
Segundo o alcalde, Jorge Cubela, “estes traballos permítenos cumprir co noso compromiso dado e completar unha actuación que se levou en varias fases pero sempre coa idea clara de seguir avanzando na mellora da seguridade viaria nesta zona. Desde o goberno local seguimos dando resposta ás necesidades da veciñanza ao tempo que tamén imos modernizando a rede de viais municipais que vertebran o interior do noso concello dotándoos dun equipamento cunhas mellores condicións de funcionamento para os usuarios dentro das posibilidade económicas dispoñibles en cada momento”.
Cubela reseñou que “para nós é moi importante atender as demandas dos nosos veciños residan onde residan, tamén en zonas menos poboadas, xa que para nós teñen os mesmos dereitos que outros que viven en núcleos máis grandes. Para nós tódalas necesidades son prioritarias e iremos resolvéndoas na medida en que poidamos e coa urxencia debida”, concluíu o alcalde

Publicacións Relacionadas