• Cubela quere facer unha actuación en profundidade que afectará aos parques de Viascón-Igrexa, Parada de Tenorio, Vilanova, Arrotea, Pazos-Borela, Carballo de Santa Lucía, Augasantas-As Boliñas, Caroi, Cuspedriños, Gardería, Figueroa, Tomonde, Tresaldeas, Outeiro, Vilarchán, Cuíña, TenorioMosteiro, Tenorio-Colexio e San Xusto
O Concello de Cerdedo-Cotobade destinará un total de 78.649,93 euros do Plan Concellos a unha profunda actuación para reparar 19 parques infantís e biosaudables repartidos por toda a xeografía municipal co fin de adaptalos ás novas normas europeas e de prevención contra a pandemia aplicando normas tecnolóxicas de xardinería e paisaxismo,
accesibilidade a espazos verdes de uso público e conservando a estética e a relación co medio ambiente natural.
Nesta ambiciosa actuación vanse ver beneficados os parques infantís e biosaudables de Viascón-Igrexa, Parada de Tenorio, Vilanova, Arrotea, Pazos Borela, Carballo de Santa Lucía, Augasantas-As Boliñas, Caroi, Cuspedriños, Gardería, Figueroa, Tomonde, Tresaldeas, Outeiro, Vilarchán, Cuíña, Tenorio Mosteiro, Tenorio-Colexio e San Xusto.
Os traballos a realizar son moi variados e serán acometidos en función das necesidades individuais de cada un deles. Así, en moitos parques será necesaria unha actuación de roza da vexetación por medios manuais ou mecanizada con tractor se as condicións topográficas e dimensión do espazo o permiten. Os traballos sobre a vexetación tamén contemplarán a poda e eliminación de todas as ramas que poidan supoñer un risco, polo seu estado (secas ou danadas), así como aquelas que interfiran co uso dos elementos de xogo ou causen molestias nas zonas de estancia dos parques. Do mesmo xeito, as raíces superficiais que supoñan un perigo de caídas, serán obxecto de actuación.
RENOVACIÓN DE MOBILIARIO, REPOSICIÓN E DESINFECCIÓN ANTI COVID
Tamén se acometerá unha limpeza en profundidade con hidrolimpadora, renovación e tratamento de elementos de madeira, reposición da suxeción e protección, colocación de valados novos e arranxo dos existentes, renovación de mobiliario, reposición de pezas e paneis, tratamento de protección da madeira, sinalización dos parques e renovación de indicadores.
Nalgúns parques tamén se levarán a cabo labores de renovación de elementos metálicos, pavimentos amortecedores con céspede artificial, arranxo dos pavimentos de caucho, sbustitución de elementos de xogo e un profundo tratamento de desinfección con productos axeitados e que cumpren coa normativa anti Covid.
Segundo o alcalde, Jorge Cubela, con esta actuación perséguese “garantir o mellor nivel de seguridade e condicións de uso nos parques de xogo municipais no contexto da situación xerada pola Covid-19 e fortalecer mediante a dotación e conservación de equipamentos e servizos de primeira calidade a capacidade de atracción de poboación cara o Concello de
Cerdedo-Cotobade. As zonas de xogo representan un papel esencial no desenvolvemento da infancia xa que axudan á inclusión, á socialización dos cativos, ao fortalecemento saudable, animan aos nenos a mellorar a forma física, nelas aprenden a través do xogo a interactuar socialmente ou fortalecen o desenvolvemento cognitivo a través da relación co medio ambiente e nos diversos xogos”.
Por outra banda, indicou o alcalde “queremos incrementar con esta actuación o valor paisaxístico dos espazos mediante a limpeza e acondicionado das zonas nas que se vai actuar, desenvolvemento as condicións de conservación e estéticas así como a súa integración na contorna rural. Tamén queremos mellorar a capacidade de acollida dos parques e o seu papel como lugar de encontro e socialización interxeracional coa mellora e dotación de mobiliario axeitado aproximando e relacionando os diferentes espazos de lecer, elevando o valor ambiental, paisaxístico e patrimonial”.




