• Cubela: “Queremos facer da participación veciñal un activo para a posta en funcionamento polo menos dunha ruta en cada unha das nosas parroquias e lugares de especial interese”
O Concello de Cerdedo-Cotobade inicia en Almofrei a posta en marcha dunha nova iniciativa definida baixo o nome xenérico de “Roteiros Saudables” para fomentar a práctica da actividade física regular dun xeito accesible, seguro e atractivo para a poboación residente e visitantes. Está a piques de rematarse outra en Carballedo e porase de inmediato en servizo outra en Borela e Viascón, ademais de en Cerdedo, a coñecida como “Ruta do Colesterol”, e outra en Quireza. Este proxecto, que foi presentado polo alcalde, Jorge Cubela, e o encargado das instalacións deportivas, Óscar Barreiro, xurde coa intención de poñer ao alcance de calquera persoa cunha condición física normal un sendeiro para poder camiñar ou facer deporte percorrendo diferentes rutas perfectamente sinalizadas que permiten visitar espazos de recoñecido interese natural, cultural, arquitectónico ou mesmo polo seu carácter social para os practicantes. Así, o Concello de Cerdedo-Cotobade para deseñar este Roteiro Saudable recurre á colaboración veciñal para establecer os percorridos máis acaídos e que dean resposta a unha serie de parámetros que as fan recomendables para a práctica da actividade física como que sexan circulares, non teñan unha extensión superior aos 4 ou 6 quilómetros e se desenvolvan cunha duración media aproximada duns 45-50 minutos. DIFICULTADE EN FUNCIÓN DAS POSIBILIDADES DE FALAR DURANTE A RUTA
As carácterísticas de cada ruta estarán perfectamente explicadas a través un panel informativo onde figurará a lonxitude, o tempo estimado a invertir no seu percorrido a marcha normal, así como unha serie de recomendacións. A intensidade relativa catalogarase como “moi baixa”, “baixa”, “moderada”, “vigorosa/alta” e “moi vigorosa/alta” e estará en función das posibilidades de falar durante o seu percorrido, é dicir, se non hai dificultade para falar, si se pode falar dun xeito cómodo, se se fala con dificultade, se hai fala limitada ou frases curtas ou si se aprecia moita dificultade para conversar. Segundo o alcalde Jorge Cubela, “queremos facer da participación veciñal un activo para a posta en funcionamento polo menos dunha ruta en cada unha das nosas parroquias e lugares de especial interese para axudar a xerar contornas urbanas e periurbanas máis atractivas que inviten aos cidadáns a usalas con fins saudables. Ademais, queremos aumentar a camiñabilidade do municipio, o que pode contribuír á redución de transporte motorizado e con el, a pegada de carbono. Con esta iniciativa tamén pretendemos promover a socialización das persoas e o fortalecemento do tecido social, incorporar o valor sanitario a rutas de especial relevancia cultural e histórica e fomentar a participación e coordinación dos diferentes axentes implicados na promoción da saúde e/ou promoción da actividade física para o benestar persoal”, indicou o rexedor. “En definitiva —asegura Jorge Cubela— o que pretendemos o noso auténtico reto está en ser capaces de convertir este Roteiro Saudable nunha actividade divertida, interesante e valiosa para todos e que aumentará as posibilidades de mellorar a saúde física, psicolóxica e social da cidadanía. En resumo, fagamos que toda a sociedade poida participar e gozar da actividade física dun xeito seguro e atractivo, independentemente da súa condición persoal”, sinalou o alcalde. Para coñecer e facer un seguemento dos Roteiros Saudables o Concello de Cerdedo-Cotobade habilitou un acceso en redes sociais como facebook (https://www.facebook.com/cotobadecultura) e instagram (https://www.instagram.com/roteeiros/) e tamén no blog (http://roteirosemais.blogspot.com/…/ruta-saudable…)




