HomeTabeirósCerdedo - CotobadeO Concello de Cerdedo-Cotobade pide a colaboración veciñal na prevención de incendios...

O Concello de Cerdedo-Cotobade pide a colaboración veciñal na prevención de incendios a través da limpeza de fincas e franxas de protección

- Anuncio -spot_img

Cubela apela á responsabilidade da veciñanza e lembra que tamén hai medidas sancionadoras para aquelas persoas insolidarias que non respecten a norma en materia de montes.

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de poñer en marcha a súa campaña de prevención de lumes forestais 2021 a través da petición, á veciñanza residente nas 21 parroquias que compoñen o municipio, da súa máxima colaboración con esta iniciativa a través da limpeza e roza de fincas e do establecemento dos correspondentes perímetros de protección antes do 31 de maio.

Nestes días estase repartindo un folleto informativo en base á Lei 7/2012 de montes de Galicia onde se recolle explícitamente a obrigatoriedade de eliminar eucaliptos, pinos, mimosas e acacias a 10 metros dende o límite do dominio público das vías (autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estras convencionais) ou do ferrocarril.

Tamén se recorda aos propietarios nesta folla informativa da obrigatoriedade de realizar unha xestión da maleza nas súas fincas a través da eliminación de xestas, toxos, silveiras e retirada do arborado das especies anteriormente citadas antes do 31 de maio que é cando se estima que se active a época de alto risco de incendios.

Ademais, engádese que tamén se deberán limpar os predios situados nunha franxa perimetral de 50 metros destes solos e os espazos situados ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións emprazadas a menos de 400 metros de terreo de monte.

PREVIR ANTES QUE LAMENTAR
O Concello de Cerdedo-Cotobade incide nesta campaña informativa na necesidade de que a xente se conciencie de que a loita contra os incendios forestais é unha responsabilidade de todos. Pese a esto advírtese de que no caso de que se detecte algún incumprimento, sexa de oficio o por algunha solicitude veciñal, procederase a efectuar unha comunicación específica ao propietario concedéndolle 15 días de prazo para a limpeza si se comproba
que incumpre esta normativa.

Así, os propietarios que desatenda esta obriga poderán enfrontarse á incoación dun expediente sancionador que podería provocar a imposición de multas de entre 1.000 e 10.000 euros e, ademais, o Concello podería encargarse da execución subsidiaria e forzosa dos traballos de roza repercutindo posteriormente o custo ao propietario. No caso de parcelas con dono descoñecido, poderá executarse unha expropiación forzosa sempre que o prezo, fixado polo valor catastral, sexa inferior ao da limpeza.

Ademais, lémbrase que, en caso de lume forestal, poderán repercutirse os gastos de extinción do mesmo ás persoas responsables de non atender á obriga de limpeza e xestión da biomasa forestal nas súas propiedades e polo incumprimento das distancias mínimas.

O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, lembrou que “é prioritario para nós salvagardar o noso patrimonio natural e forestal e ante a chegada da tempada de alto risco de incendios, ben fortuítos ou provocados, temos que ser moi conscientes de que debemos estar preparados, recurrir á prevención e protexer o noso medio ambiente, ás nosas aldeas, propiedades e mesmo vidas polo que é fundamental que todos tomemos conciencia da necesidade de facer estes labores de limpeza como parte da nosa colaboración e responsabilidade neste tema”, indicou o rexedor.

Os planos das faixas de prevención de incendios pódense consultar na páxina
web municipal: www.cerdedo-cotobade.gal/medioambiente/prevenciónincendios-forestais

Publicacións Relacionadas