HomeTabeirósCerdedo - CotobadeO Concello de Cerdedo-Cotobade pide a paralización do trámite de autorización de...

O Concello de Cerdedo-Cotobade pide a paralización do trámite de autorización de construción do PE Campo das Rosas e PE Porto Vidros por poder incumpri-la normativa de tramitación ambiental

- Anuncio -spot_img

• O informe da técnica municipal de medio ambiente considera que o proxecto podería estar fragmentado e ser complementario doutros polo que tería que ser avaliado polo Miterd
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, decidiu en base ao informe evacuado pola técnica municipal de medio ambiente solicitar, á Xunta de Galicia, a paralización do trámite de autorización de construción dos parques eólicos “Campos das Rosas” e “Porto Vidros”, promovidos por Naturgy Renovables, por posible incumprimento da normativa de tramitación ambiental ao consideralos fragmentados deliberadamente para evitar unha avaliación máis exhaustiva por parte do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (Miterd).
O Concello de Cerdedo-Cotobade considera que estanse poñendo en marcha na súa contorna, ademais do parque eólico “Campo das Rosas” os de “Pico Touriñán”, “Pico Touriñan III”, “Rosa dos Ventos”, “Porto Vidros”, “As Penizas”, “Ampliación As Penizas”… todos eles moi próximos, a poucos quilómetros de distancia, e comparten diversas infraestruturas esenciais para o seu funcionamento como centro de seccionamento, subestacións, liñas eléctricas, etc. polo que puderan estarse tramitando fragmentados no tempo como distintos proxectos sectoriais o cal eludiría o control medioambiental ao que terían que ser sometidos por parte do Ministerio.
“Dado que o parque Porto Vidros empregará o mesmo centro de seccionamento e a mesma subestación para poder evacuar a súa enerxía, entendemos que as infraestruturas do parque Campo das Rosas son imprescindibles para que o parque Porto Vidros funcione, consecuentemente, entendemos que deberían estar tramitándose como un único proxecto de parque eólico”, asegura a técnica no seu informe no que se basean as alegacións do Concello.
Continuando con esta argumentación, o informe considera que “compartindo infraestruturas clave para o seu funcionamento, que as áreas poligonais dos distintos PE se solapan ou están moi próximas, (nalgún caso inferior aos 2 quilómetros) e que superan a produción eólica de 30 MW, deberíanse tramitar como un único proxecto de parque eólico (non fragmentados no tempo en varios proxectos sectoriais) sendo o MITERD, como órgano ambiental competente, quen de tramitar as autorizacións e estudo de impacto ambiental cumprindo así co disposto na Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental”.
Para argumentar a posible irregularidade na que incurriría este proxecto á hora de tramitar esta autorización medioambiental, a alegación presentada polo Concello refírese a varias sentenzas con xuridsiprudencia dictadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o Tribunal Superior de Justicia de la Comunidad Valenciana sobre a necesidade de someter este tipo de proxectos fragmentados a un control por parte do Ministerio.
POSIBLE VETO A FUTURAS AMPLIACIÓNS DA REDE NATURA 2000
Outra das alegacións que presenta o Concello de Cerdedo-Cotobade céntrase no impacto medioambiental, así considera que as liñas de evacuación da enerxía producida polos eólicos pode supoñer un problema para o entorno natural. “Dita liña eléctrica de 30KV atravesará case 6,6 kilómetros da conca do Río Lérez, próxima a núcleos de poboacións, tan só para unir a tres aeroxeradores. Ademais, estaría emprazada moi próxima de zonas protexidas polos seus valores naturais ZEPVN Río Lérez e a ZEPVN Serra do Cando. Isto implica que podería vetar a futuras ampliacións da REDE Natura 2000 nestas zonas de alto valor paisaxístico”, asegura a técnica.
Entre outras alegacións, o Concello detecta varias ausencias no seu EsIA como un estudo electromagnético sobre os efectos que a construción do PE podería causar sobre as emisión de radio, televisión e o impacto nas telecomunicacións como a telefonía móbil.
Tampouco se aporta análise de posibles afeccións por parpadeos, e o estudo de ShadowFlicker que se anexa co EsIA, “non se expoñen como tal os resultados obtidos da análise realizada. Non se anexan planos coa envolvente da área de estudo e localización dos receptores”. Concello de Cerdedo-Cotobade En canto ao estudo do impacto sobre o patrimonio cultural, nas alegacións o Concello afirma que “temos constancia de que poden existir algúns gravados rupestres non incluídos no estudo realizado e que poderían estar afectados pola súa cercanía a algún aeroxerador”.
Tamén fai constancia de que o acceso ao parque eólico pola estrada provincial EP-7102
terá necesariamente que sufrir unha ampliación e está afectada nun tramo por estar
incluído na contorna de protección dun ben patrimonial catalogado.
En canto ao estudo do impacto acústico, considera o Concello que existe un prexuízo sobre a calidade sonora do núcleo de Cuiña no Concello de Cerdedo-Cotobade, xa que aínda que estando o PE en funcionamento non se superarían os límites legais sonoros para zonas residencias, segundo a simulación do estudo realizado, si se vería perturbada a calidade acústica da que actualmente gozan os habitantes de Cuiña e non se debería comparar os límites sonoros que pode asumir unha zona residencial urbana cunha zona residencial do rural galego.
Por outra banda, consideran necesario un estudo sobre a hidroloxía, máis detallado,
sobre posibles afeccións a abastecementos domésticos de auga de moitas vivendas
dos núcleos da parroquia de Quireza, xa que o cruzamento de varios regatos, non
todos temporais, podería modificar a drenaxe da zona.
E en canto ao impacto paisaxístico-conca visual considérase sesgado que se tome como referencia a poboacións de máis de 300 habitantes o que leva a Naturgy Renovables a situar como núcleos principais de poboación desde onde as instalacións son visibles a A Valiña e A Barca, no municipio de Poio, en lugar doutros máis próximos pertencentes a este municipio, pero de menor entidade poboacional.
Así a técnica considera “erróneo afirmar que os únicos núcleos de poboación onde o PE é visible son dous núcleos do concello de Poio polo feito de só darlle importancia a posibles afeccións exclusivamente a núcleos de máis de 300 habitantes, tendo en conta a estrutura demográfica dispersa do rural galego, como é o caso do Concello de Cerdedo Cotobade, cunha elevada dispersión demográfica conformado no 90% do seu territorio por núcleos de poboación pequenos de menos de 100 habitantes, contando só cun núcleo de más de 300 habitantes na súa extensión de máis de 212 km2”.
CUBELA CONTINUARÁ ESTE DOMINGO EN CARBALLEDO AS XUNTANZAS CON
COMUNIDADES DE MONTES E COLECTIVOS VECIÑAIS
Finalmente, sinalar que o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, seguirá mantendo este domingo en Carballedo as xuntanzas con comunidades de montes e colectivos veciñais para pulsa-la súas opinións e manifestarlles o seu desexo de avanzar conxuntamente con eles nestes temas para compartir información e adoptar consesuadamente posicionamentos ante a nova dinámica marcada polas empresas eólicas.

Publicacións Relacionadas