• Cubela destaca a vocación de servizo da institución que “vela pola seguridade da veciñanza dun xeito altruísta e totalmente desinteresado na procura do benestar dos seus semellantes”
O Concello de Cerdedo-Cotobade rendirá homenaxe aos voluntarios da Agrupación Local de Protección Civil cun acto cívico que terá lugar o vindeiro sábado no Auditorio de Cerdedo a partir das 12 horas do mediodía.
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade, dirixida por Javier Lois, vén de pechar o ano 2020 cun balanzo que revela máis de 240 operativos de atención á cidadanía en incidencias e emerxencias realizados durante este exercizo.
Os voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade centraron as súas intervencións en servizos de emerxencia e accidentes, reparto de alimentos, máscaras e medidas de protección fronte á Covid-19, distribución de mediciñas, extinción de incendios, etc.
Para o alcalde, Jorge Cubela, o labor da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil é fundamental para atender todas as necesidades que houbo que cubrir desde o punto de vista asistencial durante os momentos máis duros do confinamento e de loita contra a pandemia e “son unha institución no noso concello que vela pola seguridade da veciñanza dun xeito altruísta e totalmente desinteresado na procura do benestar dos seus semellantes”.
Cubela quixo tamén recordar a importante colaboración que os voluntarios de Protección Civil tiveron co Concello nos momentos máis complicados do confinamento na entrega a domicilio de comida, medicamentos e subministros básicos a persoas maiores, familias vulnerables ou con problemas de mobilidade, a atención xeralizada á terceira idade, a concesión de cheques alimentarios, o transporte de materiais educativos, o reparto de mascariñas aos máis de 5.600 veciños e as desinfeccións periódicas dos centros de saúde, establecementos abertos ao público, zonas comúns e a rede de contedores de lixo, etc.
“Contar cun servizo de voluntarios como o de Protección Civil, perfectamente coordinado por Javier Lois, non só é un privilexio para o noso concello senón un auténtico orgullo. Grazas a eles poidemos atender ás persoas en situación de máxima vulnerabilidade que durante os momentos duros do confinamento tivemos que levarlles mediciñas e alimentos ou axudalos en desprazamentos médicos ou a facer xestións esenciais. Nos momentos duros tivemos a sorte de contar con homes e mulleres con auténtica vocación de servizo que foron quen de dar a resposta cidadá que precisabamos para que ninguén se quedara atrás, desde o punto de vista asistencial, psicolóxico, emocional e mesmo humano, no
noso municipio. Por eso e por todo o que fan quero trasladarlles públicamente o meu afecto e o recoñecemento de toda a Corporación Municipal ao labor que fan estas persoas voluntarias”, indicou Jorge Cubela.
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade, acaba de cumprir catro anos de vida e leva xa dous baixo a coordinación de Javier Lois, afrontando con garantías todo o proceso de especialización e unha acción de rápida resposta ante calquer emerxencia grazas á formación constante do persoal e á dotación de importantes medios materiais por parte da Xunta.
Un total de 15 persoas compoñen a Agrupación de Voluntarios que se distribúen tanto polo territorio de Cotobade como de Cerdedo atendendo as demandas en materia de protección civil que se vaian plantexando, perfectamente coordinados cos mandos de emerxencias operativas en Galicia. Dispoñen tamén de material moderno de intervención en accidentes e sinistros grazas á estreita colaboración da Xunta de Galicia, que lles permite estar dotados de importantes medios materiais para a atención das incidencias do concello a través de vehículos especializados, unha furgoneta pick-up e un camión de extinción de lumes, unha
máquina esparexedora de sal, un remolque multifuncional de emerxencias con iluminación, unha tenda de campaña de grandes dimensións e ferramentas diversas, dende motoserras ata os equipos de retirada de niños de velutina, entre moitos outros.




