O Concello de Mos vén de reforzar a súa Unidade de Atención Temperá coa ampliación da xornada da segunda logopeda, que pasa agora a traballar a tempo completo. Ata o de agora, tiña xornada parcial, polo que esta medida supón un impulso decisivo para incrementar a capacidade asistencial e mellorar a atención ás familias.
Esta profesional de logopedia (Alba) intégrase así a tempo completo no equipo da unidade, que conta tamén con outra logopeda (Nati), cunha psicóloga (Liliana) e unha fisioterapeuta e psicomotricista (Bea), consolidando un servizo multidisciplinar de referencia na atención ás crianzas con necesidades específicas no seu desenvolvemento.
A alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, subliñaron que esta ampliación responde “ao incremento da demanda e ao compromiso municipal de garantir un servizo máis áxil, especializado e próximo”.
A Unidade de Atención Temperá de Mos atendeu no último ano a 114 familias, ofrecendo acompañamento desde os primeiros sinais de incerteza para favorecer a autonomía, o desenvolvemento evolutivo e o benestar emocional na primeira infancia.
Ademais da atención directa, o servizo realiza un amplo labor de intervención, prevención e sensibilización en centros educativos e na comunidade:
• Proxectos co Centro de Saúde de Mos e co IES de Chapela para mellorar a detección temperá.
• Obradoiros e formación para ANPAs, profesorado e familias.
• Accións de sensibilización nos colexios, co alumnado de 3 a 6 anos, promovendo a inclusión e o respecto pola diversidade.
O servizo presta atención en horario de 8:00 a 14:00 h e de 14:30 a 18:30 h (agás os venres).
O Concello destaca que esta mellora se suma á consolidación da unidade nos últimos anos e permite reducir tempos de espera, ampliar o número de intervencións e ofrecer un acompañamento máis completo ás familias de Mos.




