O custo é de 30,13 € por persoa e inclúe transporte, almorzo, entrada e visita guiada á vila. Terán prioridade os empadroados en Nigrán
O Concello de Nigrán abre a inscrición este mércores 23 de outubro ás 9:00 horas no Auditorio Municipal para unha excursión a Allariz e o seu ‘Festival Internacional de Xardíns’ o domingo 27 de Outubro. Os empadroados no municipio terán prioridade. O custo é de 30,13 € e inclúe transporte, visita guiada á vila, almorzo e entrada ao recinto. A saída será ás 9:30h desde o Concello para coñecer primeriamente Allariz e, tras almorzar, acudir ao Festival Internacional de Xardíns.
Baixo o tema central “O xardín é unha obra de arte”, o Festival alberga doce xardíns efémeros seleccionados entre case corenta propostas recibidas desde diferentes puntos da xeografía mundial. Destes ducia, nove entran en concurso a través da votación do público que visita anualmente o lugar. Móstranse, ademais, os xardíns gañadores do ano pasado (voto popular e voto técnico), o colombiano ‘Xardín Informal’ e o madrileño ‘Xeometrías do Nilo’ respectivamente, ademais do xardín deseñado polo alumnado do IES de Allariz.
Paisaxistas galegos, madrileños, ecuatorianos, portugueses e austríacos participan nesta edición na que os visitantes poderán gozar de espazos dedicados a diferentes estilo artísticos. Poderemos atopar dende xardíns impresionistas, ata un xardín adicado a danza, así como o característico arte pop.
As inscripcións serán o día 23 de Outubro as 9h no Auditorio do Concello de Nigrán, con prioridade para as persoas empadroadas e cun prezo de 30,13 euros que deberán ser abonados con tarxeta. Este prezo inclué o autocar (sufragado polo Concello de Nigrán), o almorzo e a entrada ao Festival de Xardíns.




