O Concello destina un crédito de 18.000 € a este fin, sendo 6.000 € o máximo de concesión por cada formación
O Concello de Nigrán abre desde este luns 22 de setembro e ata o 10 de outubro o prazo para solicitar as primeiras axudas a corais do municipio tras saír publicadas as bases no BOPPO número 179 do venres 19 de setembro. O obxectivo destas axudas é enriquecer a vida cultural do municipio e fomentar a educación musical. A partir de agora o Concello as concederá de xeito anual, tal e como se fai coas destinadas a actividades festeiras, culturais, deportivas ou de fomento do asociacionismo.
“Queremos deste xeito prestar máis apoio a estas formacións que reúnen a moitísima xente e que manteñen viva a nosa cultura, exercendo de auténticos embaixadores de Nigrán”, explica Juan González, alcalde do municipio, onde actualmente están activas tres corais (Nigrán, Parada e Chandebrito).
O Concello destina un crédito de 18.000 € a este fin, sendo por concorrencia competitiva e 6.000 € o máximo de concesión por cada coral, puntuando neste sentido aspectos como a antigüidade da formación, a continuidade das actividades realizadas, o número de compoñentes, o número de actuacións fora de Pontevedra ou Galicia… A totalidade do consignado dividirase entre as corais solicitantes ata o máximo establecido. Unha vez concedida a axuda as corais terán de prazo ata o 31 de marzo de 2026 para xustificala.




