A praia de Patos será o escenario por vez primeira desta competición internacional despois de catro anos consecutivos como anfitrioa do campionato de España
Uns 70 surfistas de elite con diferentes tipos de discapacidade física competirán coas súas respectivas seleccións nacionais
“Non podemos estar máis orgullosos de que Nigrán, coa praia de Patos, se sitúe no mapa de Europa como sinónimo de inclusión”, indica o alcalde, Juan González, quen fará coincidir a proba coa ‘Copa Nigrán de Surf adaptado’, destinada a deportistas con diversidade cognitiv
O Concello de Nigrán vivirá un fito deportivo sen prendecentes do 15 ao 18 de outubro acollendo o Campionato de Europa de Surf adaptado en Patos. Unha competición internacional que chega ao municipio tras ser sede durante 4 anos consecutivos do campionato de España e que é posible grazas ao traballo conxunto de todas as administracións (Concello, Deputación e Xunta), a Fundación Bimba y Lola, a Federación Galega de Surf e o clube nigranes Quenlla, único en Galicia adicado a atender a diversidade.
“Non podemos estar máis orgullosos de que Nigrán, grazas a praia de Patos, se sitúe no mapa de Europa como un lugar sinónimo de inclusión, estamos realmente emocionados e desexosos de acoller este evento. Este é o Nigrán para todos ao que sempre nos referimos”, indica o alcalde, Juan González, quen fará coincidir esta proba coa ‘Copa Concello de Nigrán de Surf adaptado’, destinado neste caso a deportistas con diversidade cognitiva e na que cada ano participan preto de un cento de persoas de toda comarca vinculadas a entidades como o CEE Juan María, Menela ou San Francisco. “Somos un exemplo en políticas de accesibilidade universal grazas ao asesoramento do grupo de expertos de ‘Un Nigrán para todos’ e agora unha referencia internacional en surf adaptado grazas á sensibilidade das nosas escolas de surf. Esta é a mellor imaxe que podemos exportar do noso municipio e non se limita a un día, se non a todo o ano”, subliña González.
“Patos será o escenario desta competición de surf que reúnirá aos mellores deportistas con discapacidade física de toda Europa, competirán representando as súas respectivas seleccións nacionais e poderán participar na Copa Galicia que se desenvolverá paralelamente (no campionato de España non pode haber internacionais, pero nesta última si)”, explica Luis Pena, responsable de Quenlla Surf, a quen o Concello de Nigrán acaba de premiar na derradeira gala do deporte polo seu traballo a favor da inclusión.
Aproximadamente, uns 70 deportistas de países como Portugal, Francia, Suiza, Grecia, Italia, Reino Unido, etc. competirán baixo cadansúa bandeira e agrupados en diferentes categorías atendendo a súa especificidade (invidente total ou parcial, falta de extremidade/s superior ou inferior, surfistas que collen a ola sentados ou tumbados…). Aínda que a lista española de seleccionados se develará máis adiante, todas as quinielas apuntan a Aitor Francesena ‘Gallo’ (invidente), Sarah Almagro (tetrapléxica), Ander Goenaga (tetraparesia) ou Mireia Cabañes (amputada dunha perna).
“É un reto para Nigrán e o afrontamos coa máxima ilusión, queremos ofrecer a nosa mellor imaxe, que se sintan queridos e arroupados, por iso animamos desde xa á cidadanía a que veña neses días a Patos porque recibirán unha lección de vida e de superación incribles”, reflexiona González. “O deporte trasmite valores como o sacrificio, tesón, constancia… e no caso do adaptado máis, estamos moi orgullosos de ser anfitrións deste evento “, engade Luis Pena.




